José Manuel Bértolo, o colectivo Rompente e o programa Sempre en Galicia acadan os premios San Martiño

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Agos Iglesias

21 oct 2021 . Actualizado a las 21:12 h.

O xurado dos premios San Martiño de normalización lingüística reuniuse este xoves na Estrada para fallar os galardóns da trixésima edición nas súas tres categorías.

No apartado de A Estrada e comarca, o premio San Martiño foi para o estradense José Manuel Bértolo Ballesteros, catedrático de grego e investigador de temas de xenealoxía e heráldica. Bértolo é autor de libros como Pazos e casas fidalgas do Concello da Estrada ou Fidalguía e heráldica de Terra de Montes, así como de numerosos artigos en revistas como o Boletín de estudios de genealogía, heráldica y nobiliaria de Galicia ou A Estrada. Miscelánea histórica e cultural. Tamén é un asiduo colaborador en prensa escrita, faceta coa que acadou o Premio de xornalismo Reimóndez Portela.

Poesía na rúa

Na categoría de Galicia enteira, o galardón foi para o colectivo poético Rompente. Baixo este nome agóchase un grupo de autores de espírito contestatario e politicamente incorrecto que, comandado por Alberto Avendaño, Manolo Romón e Antón Reixa, apostou por levar a poesía á rúa xa nos anos setenta, cunha proposta de vangarda que revolucionou o xénero e entroncou coa movida urbana do país, iniciando a moitos mozos e mozas na lectura da poesía en galego. Recentemente regresaron á escena literaria cun libro titulado Que hostia din os rumorosos?, que contén poemas dos tres autores.

 O premio para Toda unha vida recaeu no programa radiofónico en lingua galega máis lonxevo. Titulado Sempre en Galicia, o programa foi creado en 1950 en Montevideo (Uruguai) da man de emigrantes galegos.

A entrega dos premios será no teatro Principal na segunda semana de novembro.