A gaiteira Susana Seivane dará o pregón do Día das Letras Galegas este martes na Estrada
A ESTRADA

A gaiteira Susana Seivane será a encargada de dar o pregón do Día das Letras Galegas na Estrada. O Concello ten programados dous días de celebracións para conmemorar a data.
As actividades comezarán o luns 16 de maio ás 20.30 horas no Teatro Principal coa representación de balde da peza Tras os vieiros de Florencio, da compañía Fantoches Baj. A peza amosa a traxectoria persoal e a obra do autor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán. O martes 17 de maio, ás 12.00 horas na alameda, terá lugar o tradicional acto institucional, coa lectura do pregón a cargo da gaiteira Susana Seivane e a ofrenda floral diante do monumento aos irmáns Valladares, na que participará o alcalde da Estrada, Xosé López. A continuación actuará a Banda de Gaitas de Barbude.
Presentación literaria mañá
Como anticipo da celebración, mañá venres o Mome acollerá ás 20.30 horas a presentación do libro publicado por Edicións Fervenza Camelias de amor, da escritora Rosalía Morlán e ilustrado por Amalia López Brea, Luchi. No acto, que estará aberto ao público ata completar o aforo, a autora estará acompañada do normalizador lingüístico do Concello, Xosé Lueiro; o profesor e escritor Xosé Luna; a ilustradora da obra e a concelleira de Educación, Amalia Goldar. Haberá acompañamento musical de Leticia Rey e recitado poético do Club de Lectura do CEIP do Foxo, Acrolectofilia.