A Estrada impulsa o galego na mocidade coa Festa das Palabras

David Cofán Mazás
david cofán A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

D. C.

O acto será o 25 de maio e Rosalía Morlán será a madriña

21 may 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O concelleiro de Cultura, Juan Constenla, presentou xunto con oito representantes dos centros escolares da Estrada a novena edición da Festa das Palabras. Unha iniciativa que busca promover o uso da lingua galega entre a mocidade e tamén iniciar ao alumnado no eido da formación literaria espertando a súa creatividade. Así mesmo, centros educativos locais e Concello traballaron man a man dende o inicio do curso para levar a cabo un festexo que terá lugar o 25 de maio no Teatro Principal.

Os equipos de dinamización lingüística dos centros CEIP Villar Paramá, CEIP Pérez Viondi, CEIP Cabada Vázquez, CPR N. S. Lourdes, CEIP de Oca, CEIP do Foxo, CEIP Figueiroa, IES N1, IES Manuel García Barros e o IES Antón Losada iniciaron esta actividade no primeiro trimestre, escollendo no segundo os 62 textos gañadores dos concursos de micropoemas e microrrelatos que serán publicados nun libro no que haberá catorce ilustracións realizadas por nenos e nenas de educación infantil dos sete centros que teñen esta etapa educativa. O libro se presentará nesta entrega e recibirano todos os premiados. Os textos debían conter as palabras «loita» e «infinda», escollidas polos alumnos entre aquelas que aparecen nos títulos das obras do escritor homenaxeado este ano, Florencio Delgado Gurriarán.

A madriña será a escritora Rosalía Morlán, unha das figuras máis destacadas no ámbito da literatura infantil en galego da actualidade, que ven de presentar na vila a súa última creación, Camelias de amor.

O acto contará con actuacións musicais de Favorita, unha agrupación de música pop contemporánea radicada no veciño concello de Cuntis, formado por Saleta Fernández na voz, Alberto Torres na batería, Fran Rei no baixo e Fran Campos na guitarra. A presentación do evento correrá a cargo de dous alumnos do IES Antón Losada Diéguez; Cristian Rivadabia Iglesias e Inés López Pose.

Na súa intervención, Juan Constenla agradeceu a implicación da comunidade educativa da vila. A coordinadora local de dinamización lingüística, María Tato, sinalou a importancia desta celebración para dar «un pasiño máis cara ese futuro esperanzador en que o galego sexa falado en todos os ámbitos».