O IES Losada impulsa o uso do galego nas ciencias

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

16 nov 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Con motivo do día de San Alberto Magno, patrón das ciencias, o IES estradense Antón Losada Diéguez conmemorou a Semana da Ciencia en Galego.. A celebración pretende poñer en valor o uso desta lingua no ámbito científico e contribuír a promover a investigación desenvolta no idioma propio de Galicia.

As actividades estiveron coordinadas polo equipo de dinamización lingüística e os departamentos de Física e Química e de Ciencias Naturais. Durante a xornada, un grupo de alumnos de primeiro curso de Bacharelato realizaron unha exposición científica sobre os Premios Nobel apoiándose en presentacións de diapositivas e maquetas elaboradas por eles mesmos. Explicaron que son estes premios e recreáronse no Nobel de Física do 2010, para os descubridores do grafeno, e no de Química do 2023, para os inventores dos quantum dots. A celebración completouse cunha sesión de videoconferencia cos CEIP do Foxo e de Figueiroa na que alumnos de Bacharelato lle explicaron aos de sexto de Primaria o que son as enfermidades bacterianas e o correcto emprego dos antibióticos. Esta actividade inseríase, ademais, no proxecto Videoconectad@s, que levan adiante os equipos de dinamización da lingua galega dos centros da Estrada (Dinamizaestrada).

Por outra banda, un grupo de alumnos da FP Básica do IES participou este mércores nunha visita formativa ás instalacións de A Estrada Dixital e de Radio Estrada. Na sede de A Estrada Dixital, guiados por Diego Pernas, puideron coñecer máis de preto os servizos que se prestan e o traballo que alí se desenvolve. Na radio municipal coñeceron como funciona a emisora e accederon incluso ao locutorio desde o que se emiten os contidos.