Roteiro este sábado na Estrada para celebrar o Día dos Medios en Galego

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

01 feb 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

A Estrada acollerá este sábado un roteiro para conmemorar o Día dos Medios en Galego, impulsado pola Asociación de Medios en Galego (Amega), presidida polo estradense Pablo García (Chichas).

Este ano a celebración contará cun programa composto por actividades variadas que inclúe roteiros xornalísticos por distintas vilas galegas. O primeiro será o deste sábado na Estrada. Nel visitaranse lugares emblemáticos relacionados coa historia e a actualidade dos medios en galego, acompañados por expertos na temática e amenizado por bandas musicais.

O roteiro comezará ás 12.00 na Praza da Música, nos estudos de Radio Estrada, co historiador local Pedro Pérez, autor do libro Historia da radio na Estrada. Ás 12.15 horas a comitiva dirixirase ao número 39 da rúa Calvo Sotelo, onde tivo a súa sede a imprenta do xornal El Emigrado. Falará Marcos Borrageros, graduado en Historia e membro da asociación cultural Vagalumes.

Ás 12.30 visitarase o número 25 da Avenida de Benito Vigo para saber dos estudos de Estrada Televisión, falando con Pepe Rodríguez, fundador da desaparecida Estrada Televisión e director de Radio Estrada. A continuación (12.45) a xornalista Laura Filloy, experta en Avelina Valladares, falará desta figura na alameda, ante o monumento a Marcial Valladares. Por último, ás 13.00 horas na Praza do Concello falarán do Premio Xornalístico Manuel Reimóndez Portela a neta del, Victoria Reimóndez, e o concelleiro estradense de Cultura, Juan Constenla. Para rematar actuará a agrupación folclórica Tequexetéldere.