A Estrada busca voluntarios para participar nunha lectura de textos para mellorar o galego dixital
A ESTRADA
O concello da Estrada acollerá o vindeiro 19 de novembro unha xornada especial de captación de voz en lingua galega enmarcada dentro do Proxecto Nós. Esta iniciativa está promovida pola Universidade e a secretaría xeral de Política Lingüística e ten como obxectivo garantir que a lingua galega sexa compatible cos novos avances tecnolóxicos. Para iso é necesario contar con gravacións de voces en galego que permitan adestrar os sistemas de recoñecemento de fala, síntese de voz e outras ferramentas tecnolóxicas. Trátase de que os dispositivos electrónicos poidan entender e falar o galego, facilitando o seu uso en contextos dixitais, como asistentes de voz, tradución automática ou recoñecemento de fala.
A Estrada foi seleccionada para este proxecto xunto a outros 17 concellos de Galicia que están a participar de forma masiva nesta iniciativa. Desde o Concello esperan poder contar coa colaboración dun cento de voluntarios. As persoas que o desexen poderán participar enviando un correo electrónico a doaatuavoz@aestrada.gal indicando o seu nome e apelidos, un teléfono de contacto e a franxa horaria na que prefiren acudir a facer a gravación, en bloques de media hora. A xornada de captación de voz terá lugar o martes 19 de novembro en horario de 10.00 a 14.00 horas ou de 16.00 a 20.00 horas na aula de informática (aula Cemit) situada no edificio de usos múltiples.
Non só galego falantes
Desde o Concello explican que os voluntarios non teñen por que ser galego falantes, xa que do que se trata é de que os sistemas de recoñecemento de voz poidan recoñecer calquera voz que fale en galego, co acento ou as peculiaridades que sexa.
Os participantes na xornada terán que ler frases en galego que será gravadas para o proxecto. Tamén poderán validar as gravacións doutras persoas, para garantir unha boa representación da lingua.
O proxecto foi presentado onte pola concelleira de Lingua, Lucía Seoane, e o concelleiro de Novas Tecnoloxías, Manuel Magariños, que animaron á veciñanza a doar a súa voz e a formar parte desta iniciativa para asegurar que o galego teña un espazo importante nas tecnoloxías que usamos cada día. Lembraron que, para que a lingua perviva a medio e longo prazo é indispensable fortalecela no mundo dixital.