A nova programación do Principal inclúe 23 propostas de todos os xéneros
08 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Concello da Estrada vén de presentar a súa programación cultural para o primeiro semestre do ano. O cartel, que inclúe tamén actividades financiadas pola Deputación de Pontevedra e pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), aposta novamente pola diversidade e reúne propostas para todos os públicos que chegan desde xéneros coma o teatro, a música, a danza ou o humor.
Dous dos pratos fortes da programación serán as actuacións do monologuista David Cepo e do músico Abraham Cupeiro.
David Cepo é hoxe un dos tres monologuistas cómicos máis solicitados do panorama estatal. Con miles de seguidores en Tik Tok e en Instagram, onde os seus vídeos acumulan millóns de visualizacións, a A Estrada chegará o 30 de abril co espectáculo Non cruces os brazos (20.30 horas, teatro Principal). As entradas (10 euros) poñeranse á venda o vindeiro xoves no departamento de Cultura do Concello da Estrada ou na plataforma ataquilla.com (12 euros).
O músico sarriano Abraham Cupeiro, coñecido pola recuperación e reconstrución de instrumentos da antigüidade, actuará no Principal o 11 de abril ás 20.30 horas. O músico acadou fama mundial pola súa participación na banda sonora da película Gladiator 2, tocando instrumentos antigos rescatados por el mesmo. É un dos poucos instrumentistas que tocan o carnyx, unha trompeta celta da Idade de Ferro, e ten na súa colección persoal máis de douscentos instrumentos de distintas épocas e lugares do mundo. Construíu cincuenta deles e é capaz de tocar arredor de cen. As entradas para o seu concerto, Resoando no pasado, xa están á venda (10 euros) no Concello ou en ataquilla.com.
Outros espectáculos destacados son tamén o concerto de Guadi Galego o venres 28 de marzo (21.00 horas) e o do grupo Os do fondo da barra o sábado 15 de marzo (21.00 euros). Nos dous casos a entrada custa 10 euros. A cantante Guadi Galego, que durante a pandemia fixo do Principal a súa casa, presentará o seu proxecto Síntese Horizonte. Os do fondo da barra é un grupo de once voces masculinas nacido no seo da agrupación Xacarandaina que ofrecerá en concerto os temas do seu disco Bânzô.
Na programación sobresae tamén o espectáculo humorístico de Rafa Maza, El genoma del pavo, que chegará ao Principal o 14 de marzo ás 20.30 horas. As entradas poñeranse á venda o luns a 8 euros (7 en flowte.com).