Os John Deeres presentan este sábado no Principal «O círculo das formigas»

La Voz A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

cedida

19 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Estreouse nun formato íntimo do que puideron gozar algúns convidados e agora chega a oportunidade para o público xeral, tamén na súa casa matriz, A Estrada. Os John Deeres ofrecen este sábado no teatro Principal un concerto para presentar o seu último traballo discográfico, O círculo das formigas, un álbum que supón unha notable evolución en canto aos conceptos e aos sons que manexaba a banda estradense nos seus anteriores traballos. As entradas (5 euros) están xa á venda no departamento de Cultura. O concerto arrancará ás 20.30 horas.

A cabalo entre o hard rock e o sinfónico, con achegamentos ao progresivo, O círculo das formigas é un disco conceptual. O álbum está dividido en dúas partes, Pulso e Inercia, con catro movementos cada unha, de xeito que mesmo se poderían escoitar como dous traballos distintos.

Unha das novidades das que poderá desfrutar o público do Principal vén da man da achega de videocreación en directo a cargo de Miriam Rodríguez, creadora dos videoclips que acompañan este traballo. A parte gráfica é da autoría do estradense Berto Cardona, que se encargou do deseño e propuxo as dúas partes do disco a xeito de ying e yang na portada e na contraportada.

No tocante ao son, aínda que nin as guitarras nin as claves do hard rock perden protagonismo, Os John Deeres engaden agora sintetizadores que aportan un son mais sinfónico e certo lirismo. A nivel sonoridade, o cambio mais evidente é que este é o primeiro disco no que o grupo compón, produce e publica coa vocalista Vanessa García.

O título do disco fai referencia ao movemento que executan as formigas guerreiras, que cando unha se perde poden xirar en círculo ata morrer, como metáfora da espiral de traballo e consumo acrítico da vida actual.