O Recreo Cultural organiza unha xornada sobre Castelao e expón os seus cadros
A ESTRADA
O Recreo Cultural da Estrada ten programada para o vindeiro 14 de xuño unha xornada sobre Castelao que inclúe unha excursión ao Museo de Pontevedra, un obradoiro infantil sobre Castelao e a inauguración nas instalacións da sociedade dun espazo destinado a exposicións que se denominará Sala Castelao. Esta sala estrearase coa exhibición ao público das dúas obras do autor que ten o Recreo Cultural: Cego de romería (1913) e Moza con cabuxa (1914).
A xornada Coñecendo a Castelao enmárcase na celebración do Ano Castelao e pretende homenaxear a este intelectual e artista galeguista que tivo fonda vinculación coa Estrada e co Recreo Cultural. Na excursión ao Museo farase un percorrido guiado polos espazos vinculados ao autor. Despois haberá un obradoiro infantil sobre Castelao a cargo de Catro Elefantes e a continuación poderanse admirar os cadros que normalmente están baixo chave e coñecer a súa historia. Por último, haberá un xantar e tardeo.