
O cinco de xullo de 1870, contra as dúas da tarde, sorprende aos estradenses o balbordo dunha multitude alporizada que avanzaba pola rúa Ulla cara a cima da vila. As fontes dan noticia de douscentos homes armados con sachas, fouciños e paus. Na cabeceira camiñaba preso José Naveira, comisionado da alcaldía para o cobro das débedas fiscais dos veciños de Berres, San Pedro e Santo Tomé de Ancorados. En chegando á praza do concello -que daquela compartía edificio co cárcere, no lugar que ocupa hoxe a Residencia de Maiores-, dispóñense a tomar por asalto a casa consistorial. É daquela cando chegan as primeiras autoridades: o xuíz Eugenio Salgado e o sarxento Pedro Fernández con dous gardas civís.
Logran abrirse paso entre os amotinados e entrar no edificio. Nese momento incorpóranselles varios homes portando fusís, -moi probablemente membros da Milicia Nacional-, o alcalde, Manuel Pazo e seu fillo Serafín Pazo, médico e deputado provincial. Tras a oportuna deliberación Manuel Pazo solicita a presencia dos alcaldes de barrio e celadores das parroquias a fin de escoitar as súas demandas ao tempo que comina aos demais a retirarse pacificamente. Os amotinados esixen o cese inmediato dos consumos, gravame directo sobre os artigos de primeira necesidade, “comer, beber e arder” e os chamados apremios, que consideraban insoportables e inxustos.
A orde do alcalde non foi obedecida nin liberado o refén José Naveira, polo que se ordena aos gardas civís e seis veciños armados tomar presos catorce dos rebeldes. Os demais foxen cara o fondo da vila e congréganse no lugar coñecido como Pozo do Barro. No entanto preséntanse os veciños de Aguións co seu alcalde de barrio e idénticas reivindicacións, pero son tamén dispersados. Únense aos demais e esperan. Contra as cinco da tarde os gardas civís e catorce veciños fan unha saída, capturan quince deles e condúcenos ao calabozo, ubicado na planta baixa da casa consistorial.
Á tardiña, pasada a conmoción inicial, empezan a chegar preocupantes noticias do rural, onde as autoridades dispuñan dunha rede de informadores: estaba en marcha un ambicioso plan, secundado pola maioría das parroquias do distrito, co propósito de ocupar a casa consistorial, impedir o funcionamento das institucións e anular a autoridade. Así mesmo se soubo que os amotinados pretendían efectuar aquela mesma tarde o asalto definitivo e o rescate dos compañeiros capturados.
Á espera dos reforzos solicitados telegraficamente á capital da provincia e Santiago, acordaron as autoridades recluídas no concello encomendar a defensa do pobo a Cándido Furriel Gironza, comandante do exército en situación de excedencia. Este militar asegura con reténs de veciños armados os lugares estratéxicos da vila en prevención do asalto definitivo que os sublevados esperaban efectuar con achegas de Pardemarín, Santeles e Barbude. Pero algo falla e deciden retirarse ao lugar da feira de Campo Redondo, na parroquia de Santo Tomé de Ancorados. No decurso da noite reciben noticias referindo a entrada na vila de diversos continxentes armados do exército e forza pública.
Efectivamente, na mañá do día seguinte, seis de xullo, hai concentrados na Estrada os seguintes efectivos: 1 capitán, 8 gardas civís e 2 carabineiros procedentes de Caldas e 1 capitán e 6 gardas civís de Vilagarcía. Ao mando do comandante Pérez Colomer 1 capitán, 2 suboficiales e 43 soldados do Reximento Guadalajara de Santiago e tamén daquela cidade 1 capitán e 18 gardas civís, dous deles a cabalo.
O día 7 de xullo, con escolta armada, parten comisionados do concello cara as parroquias rebeldes de Berres e Aguións para obrigar o pago dos impostos. Ese mesmo día, a forza conxunta de exército e Garda Civil consegue dispersar os amotinados reunidos en Campo Redondo. A poboación da vila recobra a calma. O 13 de xullo regresan os gardas civís aos cuarteis, permanecendo o exército na vila deica o remate das cobranzas.
Velaquí os nomes dos notables, veciños e industriais (deste xeito os denominan as fontes), que colaboraron na defensa á parte dos cinco xa amentados: José Daz y Casal, un dos dous gardas civís ás ordes de Pedro Fernández; o outro chamábase José Iglesias. Manuel Luces, avogado en exercicio na Estrada e rexistrador da propiedade. Manuel Santamarina, terratenente enriquecido coa venda de Bens Nacionais; escribano no xulgado, notario e concelleiro. Eusebio Andújar, avogado tamén, xuíz de paz, propietario rural na súa parroquia de Lamas. Manuel Cajide, avogado e comerciante. Cándido Barros, natural de Ouzande. Seu pai, Joaquín Barros, presidiu a Xunta Revolucionaria constituida na Estrada no 1846. Juan Pereiro, oriundo de Santiago, viviu na Estrada coa súa esposa Josefa Malvido; foi secretario da Xunta Revolucionaria citada. José Ciorraga, de orixe vasco-galega, secretario do xulgado municipal e tendeiro (comestibles, viños e aceites). Luis Pereira, comerciante minorista de tecidos. José Paseiro, primo de Serafín Pazo, comerciante de viño, augardente e louza. Antonio García, casado na vila con Josefa Lois, de orixe francesa; sufriu prisión por motivos políticos; exerceu o oficio de arrieiro. Manuel Mato, taberneiro. Francisco Calvo, comerciante. Manuel Caramés, rexenta unha tenda de tecidos. Juan Porto, comerciante. Antonio Luces, Juan Domínguez, Eugenio Paseiro, Daniel Paz e Francisco Campo.
Estes homes actuaron conforme á suprema divisa do liberalismo burgués que profesaban: lei e orde. A afouteza e o sentido do deber, por outra parte, ninguén llelos pode negar; emporiso non debe perderse de vista o que eu considero o principal fundamento da súa conduta aquel 5 de xullo de 1870: a defensa do propio status de clase gravemente ameazado pola rebelión e a defensa tamén dun Estado lonxano e débil que depositara neles todos os resortes do poder local e provincial.
As fontes, como adoita suceder, son parciais, ofrecen tan só a versión oficial, mais a análise do contexto histórico e o desenvolvemento dos feitos permiten reparar na desesperación daquel mundo rural agoniado polas exaccións civís, señoriais e eclesiásticas: consumos, apremios, hipotecas, recargos, arbitrios sobre as vendas en feiras e mercados, embargos, capitacións, multas, foros, dezmos, voto a Santiago, oblatas, primicias…, depauperado polas malas colleitas e a fame e, en fin, resentido polo quebrantamento dos dereitos que a Constitución de 1869 lle consagraba.
Foi espontáneo o motín de 1870 na Estrada? A resposta resulta claramente negativa podendo atribuirse ao Partido Republicano Federal —incrustado de masóns— a súa organización. Os federalistas aproveitaron o malestar do agro galego mobilizando a xente con campañas de información, axitación e propaganda e publicando libriños adaptados á mentalidade do pobo do xeito das “ Conferencias populares” ou “A verdade ás aldeas”. Servíronse tamén da prensa periódica e dos contactos directos en romarías e feiras.
Triunfou decontado o ideal republicano mais fracasou o motín da Estrada. As demandas campesiñas, froito da súa secular frustración, habían esperar o seu momento, que chegou, anos despois, da man das organizacións agraristas e anticaciquís.