Aroa Martínez, do Ximnasia Estrada, disputará o Campionato do Mundo

N. gonzález A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

Cedida

24 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Aroa Martínez Morenilla, do Club Ximnasia Estrada, con tan só doce anos, disputará o Campionato do mundo de Ximnasia de trampolín o próximo mes de novembro, tras ser seleccionada o pasado luns despois un ano de preparación e de controis en diversas competicións.

Aroa comezou na ximnasia artística de moi pequena, con tan só catro anos na Coruña, e foi fai dous cando veu ao Club Ximnasia Estrada co obxectivo de mellorar a disciplina de solo. Dende entón, a pequena namorouse da ximnasia de trampolín, competindo especificamente na disciplina de Tumbling, na que representará a España no Campionato do Mundo de Pamplona celebrado entre o 13 e o 16 de novembro deste ano, na categoría infantil.

O club Ximnasia Estrada conta con 75 nenas e nenos federados, adestrados por Sofía Mosteiro e Adrián Soliño, e viven un dos seus maiores éxitos deportivos da man de Aroa, que, como sinala Sofía, «ten unhas capacidades motrices impresionantes e unha paixón tremendísima». Aroa leva moito tempo preparándose exhaustivamente, con adestramentos tres horas ao día, catro xornadas á semana, e desprazándose dende Arteixo ata A Estrada para os adestramentos. Ao longo deste tempo de preparación, a deportista realizou controis na Copa Galicia, no Campionato Galego de Élite, no Campionato de España, e un deles de xeito online. Despois de todo o traballo, finalmente foi seleccionada para competir en Pamplona, o que a adestradora cualifica de «éxito absoluto», sinalando que é a primeira vez que unha ximnasta do club estradense logra ter participación nun campionato a nivel mundial.

Na disciplina de Tumbling, Aroa foi o pasado ano campioa de España, mentres neste 2025 acadou o bronce, na Copa Galicia a prata e no Campionato Galego, o ouro. Actualmente a ximnasta estivo unhas semanas de descanso, e volve agora pouco a pouco aos adestramentos, para continuar con maior intensidade a partir de mediados de agosto para prepararse para a cita de novembro en Pamplona.

Un gran orgullo para o deporte estradense e para o club, e, sen dúbida para os seus adestradores, apunta Sofía Mosteiro, que resalta a esixencia deste deporte e destaca que as nenas e nenos teñen a cabeza moi ben amoblada: «son nenos fortes, se caen levántanse».