A Estrada estrea unha zarzuela que integra música, canto, baile e teatro

Rocío García Martínez
rocío garcía A ESTRADA / LA VOZ

A ESTRADA

R. G.

«A lenda de Montelongo» ten ADN local e poderá gozarse os días 25 e 26

08 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A zarzuela, que na Estrada ten un público fiel, volverá ao teatro Principal este mes cunha proposta multidisciplinar con sabor galego e ADN estradense. A Coral Polifónica Estradense, o Conservatorio Profesional de Música da Estrada, a Escola Municipal de Artes Escénicas (Emae) e a agrupación Tequexetéldere de danza tradicional levan moito traballo ás costas para darlle vida sobre o escenario a unha nova posta en escena da zarzuela galega A lenda de Montelongo. A estrea será o sábado 25 de outubro ás 20.00 horas no teatro Principal. Ao día seguinte, o domingo 26, haberá un segundo pase ás 19.00 horas. As entradas (5 euros) estarán á venda desde hoxe mesmo no departamento de Cultura do Concello da Estrada.

A lenda de Montelongo é unha zarzuela de 1924 con música de Bernardo del Río —que foi director interino da Banda de Música Municipal da Estrada a mediados do século pasado— e libreto en galego de Manuel Rey e Juan Buhigas. É unha das poucas zarzuelas escritas en galego e sen dúbida a máis coñecida, chegando na súa época a ser obra obrigada para todos os cativos que empezaban a tocar nas bandas de música galegas. Na Estrada representouse hai 72 anos (no ano 1953). Despois de caer no esquecemento, esta obra rural e costumista foi recuperada no 2010 por Javier Jurado e foi volvendo aos escenarios galegos.

Á Estrada chegará este mes nun espectáculo baixo a dirección musical de Javier Comesaña e a dirección teatral de Julio Cores.

Segundo explica Julio Cores, trátase dun espectáculo costumista organizado nun acto con dous cadros que amosa como era a vida rural a principios do século XX. Conta unha historia de amor entre dous fillos de labregos (Xan e Marica) co contrapunto dun terceiro rapaz (Pedro) que é de familia de cartos e que tamén está namorado de Marica. «É un espectáculo familiar e ten un punto cómico. Garantizo que se van rir», comenta Julio Cores.

Javier Comesaña, director do Conservatorio e da Coral Polifónica Estradense, foi o encargado de adaptar a obra, concibida para unha banda de sesenta músicos, aos dez intérpretes —todos eles profesores do Conservatorio— que lle poñerán a música ao espectáculo. A falta de foso, as dúas primeiras filas de butacas do teatro Principal farán esa función e acollerán aos músicos, mentres que a coral, os actores e os bailaríns tomarán o escenario.

A Coral Polifónica Estradense, que xa ten interpretado zarzuelas pero en formato concerto, asume desta volta o reto de interpretar cantando, dándolle vida ás personaxes da zarzuela, coa súa debida caracterización.

Do elenco do espectáculo formarán parte tamén dous solistas que poñerán as voces dos protagonistas: Jacobo Rubianes (Xan) e Indra Sesti (Marica). Os actores Gonzalo Valcárcel e Chus Sánchez e un grupo de bailaríns de Tequexetéldere completan o elenco. O resultado é, en palabras de Comesaña, unha zarzuela «moi redonda» que combina música, baile, teatro e humor e que resulta «agradable e fácil de escoitar» para todos os públicos.

O espectáculo foi presentado este martes no Concello nunha rolda de prensa na que participaron Javier Comesaña (director do Conservatorio e da Coral e director musical da peza), Lulio Cores (director teatral), Xosé Lueiro (director da Emae), José Garrido (xerente de Tequexetéldere), Sonia Couceiro (integrante da Coral) e a edil de Cultura, Lucía Seoane. Todos lle auguraron grande éxito ao espectáculo, que podería repetirse se o público así o demanda.