Carta a Marisol Soengas

Carmen Seijas

AGOLADA

06 ago 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

Lin non hai moito nunha rede social unha frase que me fixo voltar á vista cara ao meu pobo e sentirme unha vez máis orgullosa del. «Pobo que honra aos seus, honrase a si mesmo».

Pois ben, este sábado Agolada honrará a unha das súas, un veciña que acadou éxitos no mundo da medicina ata o punto de ser considerada unha eminencia mundial no ramo da investigación do melanoma, pero que para nós , o seu maior éxito e sen dúbida sentirse dende sempre e pese aos recoñecementos externos, unha dezana e sobre todo unha agolense máis.

Falar de Marisol Soengas é falar dunha veciña da Aldea do Monte en Ventosa, da fillla de Alicia e de Luis, dunha rapaza a que lle gustaba ir as festas cos seus pais, como por exemplo á de Ludeiro, na cal coincidiamos, (se ben eu era ainda moi nena e ela unha moza), e que pouco a pouco foi acadando metas, primeiro académicas e despois profesionais, e todo isto dende a humildade, o compromiso polos seus e o sentir polo seu pobo de quen ten fondas raíces e non esquece de onde ven para coller o impulso para ir a onde quere. Marisol conseguiu con moito esforzo ser quen é no eido da medicina, pero solo precisou ser como é para gañarse o cariño de todos os seus veciños, o noso dende logo teno a rabiar. Pero ademais a súa figura e tan grande que conseguiu sen tan sequera estar que todo mundo en Agolada estea de acordo en que se merece este recoñecemento como Filla Predilecta.

Aquí non hai diferenzas, nin cores políticas, nin nada que nos separe, porque Marisol solo une a todo o pobo, e iso é un dos seus maiores méritos. Os do PP este sábado non queremos ser os do PP, queremos ser uns veciños máis, como estou segura que pensaran os do Partido no Goberno. O domingo volveremos as nosas chanzas e as diferentes maneiras de ver o pobo e o que queremos para Agolada, pero este sábado trasladarémoslle á nosa amiga e a ilustre filla deste pobo o que xa se puido ver nos plenos onde se aprobou o seu recoñecemento, con ela hai unanimidade.

Que terá Agolada que tan bos médicos xera, non nos esquezamos doutra veciña a que non fai moito vimos como se nomeaba como unha das 50 mellores médicos de España, e unha das mellores, senon a mellor especialista en neurociruxía de columna, Dolores Varela Costa.

Non queremos esquecernos de agradecer ao colectivo Baluarte e a Bico da Balouta que cunha solicitude puxeran en marcha o mecanismo para chegar ao nomeamento de Marisol Soengas como filla predilecta, tamén de agradecer ( sempre somos xustos ), ao Alcalde que recollera o guante e fixera a proposta, ao instrutor que elaborou o expediente, aos 11 concelleiros que unanimemente e sen discusión nin división ningunha dixeron que adiante, e sobre todo a todos os veciños e veciñas de Agolada que estou seguro lle faremos chegar este sábado a Marisol todo o cariño que lle temos. Hoxe honramos a unha das nosas, e como dicía ao principio non hai mellor maneira que honrarnos como pobo.