Habelas Hainas, a criatura fermosa que pariu Cerdedo

María Hermida
María Hermida PONTEVEDRA / LA VOZ

CERDEDO

Os membros do club de lectura de Cerdedo, na primeira reunión que fixeron, no bar Comareiro.
Os membros do club de lectura de Cerdedo, na primeira reunión que fixeron, no bar Comareiro. Habelas Hainas

Unhas veciñas puxeron en marcha un club de lectura, encargaron doce libros e non lles chegaron porque acudiron á cita numerosas persoas

11 abr 2024 . Actualizado a las 15:12 h.

Se a creación dun club de lectura sempre é unha fermosa noticia, que este naza no rural galego é aínda unha ledicia maior. E, se aínda por riba arrinca con forza, hai ata tres grandes motivos para brindar pola súa sorte. E todo iso está a pasar con Habelas Hainas, a criatura máis fermosa de Cerdedo. ¿De que se trata? Do escrito; dun club de lectura nacido no rural galego, en Cerdedo, onde as previsións se quedaron curtas, xa que se encargaron doce libros e acudiron á primeira cita de lectores vinte persoas.

Todo xurdiu hai un par de meses. Dúas amigas que quedan todas as semanas en Cerdedo para tomar café pensaron que poderían mudar as súas citas e facelo nun club de lectura. Cando foron preguntar á biblioteca como podían facer, souberon que había outras catro persoas intentando sacar adiante a mesma iniciativa. Uníronse e de aí naceu esa criatura chamada Habelas Hainas.

Organizaron a primeira reunión no bar O Comareiro e aí chegou a sorpresa de que non chegaron os exemplares do libro elixido, O club da calceta, de María Reimóndez, xa que o boca a boca funcionou e acudiron unhas vinte persoas. Formouse un grupo moi heteroxéneo de homes e mulleres cun denominador común: a paixón pola lectura. E houbo una anécdota, xa que tamén se incorporou Cristóbal, un veciño que foi desde A Estrada a propósito a Cerdedo para formar parte do club despois de ter visto un anuncio nas redes sociais.

O primeiro libro ten unha temática feminista, pero a idea é non encadrarse sempre no mesmo xénero nin tema. Falouse de ler obras de intriga, como La puerta, de Manel Loureiro, que transcorre en terras do concello de Cotobade. Ou O souto dos catro ventos, de María Oruña. Toca tecer soños lendo moitas historias. E, cada mes, reunirse con demais para contalo. Que mellor.