
O músico vigués Xaime Estévez será o encargado do pregón
19 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Este sábado 23 de agosto celébrase a 46 edición da Festa do Gaiteiro de Soutelo de Montes, unha cita que contará cunha decena de actividades culturais e musicais e na que Avelino Cachafeiro será protagonista cun acto central de homenaxe. A alcaldesa de Forcarei, Belén Cachafeiro, presentou a programación acompañada do sobriño e voceiro do legado do gaiteiro de Soutelo, Bautista Alberte, e o gaiteiro e coorganizador, Rubén Troitiño. Logo dun fin de semana de máxima diversión na localidade coas súas festas patronais, Soutelo de Montes volve encher de ledicia as súas rúas.
A festa comezará ás 11.00 horas cun pasarrúas a cargo da Banda de Gaitas de Forcarei, procedendo de seguido a recepción ás autoridades na Praza do Gaiteiro. Ao mediodía terá lugar a homenaxe a Avelino Cachafeiro cunha ofrenda floral no monumento á súa memoria.
O pregón deste ano correrá a cargo do músico e profesor vigués Xaime Estévez, catedrático de Música en secundaria e Doutor en Ciencias da Educación. O acto rematará coa interpretación do himno galego pola banda de gaitas local.
A continuación, sobre as 12.30 horas, terá lugar o concerto de Os Terribles de Donas, xusto antes do xantar popular. Pola tarde actuarán Lus de Keikoa (16.00 horas) e Os Abrentes de Cerdedo (17.15 horas). Despois será a tradicional ruada aberta.
A Festa do Gaiteiro rematará cos concertos nocturnos. O primeiro será o de Ardentía, fixado para as 22.00 horas, poñendo o punto final Francisco Castro e A Banda dos Borges, previsto para as 23.30 horas.