
Un colexio orfanato dispensario, que rexentan monxas Hijas de la Caridad, e unha oenegé recibirán as doazóns
15 jun 2018 . Actualizado a las 05:00 h.No pasado mes de xaneiro botaba a andar a Asociación Recycling, bicicletas solidarias da man do lalinense José Luis Pereira. No obxectivo desta iniciativa sen ánimo de lucro estaba o recoller velocípedos en bo estado e darlle unha segunda vida. A chamada á colaboración non se fixo agardar e as doazóns disparáronse, recoñece a alma máter da asociación.
-A recollida de bicicletas estou facéndoa a nivel de Galicia e tamén hai un pequeno concello de Cantabria que as está xuntando. Actualmente vou camiño das cen recollidas.
-Está pechado o destino destas bicicletas?
-Irán a Marrocos e a Guinea Bissau. Estiven entrevistándome con xentes que están facendo labores humanitarias por África e aí é a onde irán a parar as bicis. Temos dous sitios que son os que nos parecen mellores pola necesidade e polo traballo que se está facendo sobre o terreo. Por unha banda están as monxas Hijas de la Caridad en Marrocos que se fan cargo dun colexio orfanato dispensario, que alí aínda se abandonan moitos nenos, e logo atopamos unha oenegé que opera en Guinea Bissau que se chama Miradas al Mundo. Alí está unha voluntaria coruñesa con quen contactei e gustoume o traballo que leva a cabo. Neste caso as bicicletas irán nun contedor con material escolar, máquinas de escribir, pupitres... materiais que aquí están en moitos casos en desuso e que alí son todo un luxo. No caso de Marrocos a idea é ir en persoa, viaxar ata alí co material.
-Como se sufragarán os gastos dos desprazamentos?
-O contedor é caro, de aquí a Guinea Bissau son uns 3.000 euros pero nese caso a propia oenegé que funciona moi ben e conta con socios e empresas colaboradoras se podería facer cargo do envío. No caso de Marrocos haberá que buscar axudas, facer concertos, vender rifas,... xa se verá. Non é algo que me inquiete. Non creo que sexa moi complicado alugar unha furgoneta para levar o material ata alí máis complicado pode ser o papeleo, os problemas que poden xurdir na fronteira e poder pasar un cento de bicicletas. A máxima dificultade que vexo é esa e non ir a Marrocos que ao final son 1.200 quilómetros.
-Para cando a viaxe?
-A idea era ir nas festas de Lalín, en setembro, cunha vintena de bicis pero cun cento ao mellor hai que retrasar algo o desprazamento para preparar a loxística. O que non quero é que pase deste ano.
-O proceso de recollida rematará aquí ou terá continuidade?
-Ten que continuar. Os concellos de Monterroso, Meira en Lugo, Carballiño, unha anpa de Pontecaldelas están implicados na recollida de bicicletas usadas... Ao mellor non se trata de viaxar todos os anos para facer unha entrega pero é un proxecto co que penso seguir. Tamén aquí xurden necesidades e recentemente fixen entrega dunha a unha persoa que a necesitaba. Se non axudamos ao veciño de enfrente non vale a pena ir a África aínda que alí é un medio de transporte importantísimo sobre todo para a poboación adulta.