
Alimentan diariamente 200 felinos e teñen 25 en réxime de acollida
14 ago 2021 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación Bigotes Colonias de Gatos de Lalín é unha sociedade protectora de menos de dez voluntarias que se encarga de atender as colonias felinas. Buscan controlar os gatos que viven na rúa por ser abandonados, que son a gran maioría. O seu obxectivo principal é que haxa menos gatos vivindo na rúa e que os que vivan, teñan mellores condicións sanitarias e que poidan convivir en harmonía social coa veciñanza lalinense.
Luz Fernández, presidenta da asociación, conta que o seu método consiste en «capturar aos gatos para castralos e devolvelos ao lugar no que viven». A castración felina é un proceso que conleva un custe, polo que dende Bigotes «castramos o maior número de felinos rueiros das colonias que controlamos, pero non é suficiente porque se reproducen demasiado rápido».
Ademais, teñen 25 gatos en réxime de acollida, os que as súas instalacións e medios económicos lles permiten. Botón é un deles. Foi abandonado de lactante con tan só uns días de vida. «Atender un gatiño lactante é complexo porque hai que darlle biberóns e o seu leite é bastante caro», di Luz. Outra gata que teñen é Camino de Santiago. Chámase así porque foi atopada por Zoia, unha moza rusa que a recolleu na ruta, amadriñou e abonou os cartos necesarios para curala, xa que estaba moi enferma. Outro felino é Andy, un gato adulto. As persoas son, polo xeral, máis reacias a adoptar adultos, pero «merecen atopar un bo fogar», afirma Luz, que os describe a todos como «mansos, dóciles, educados e moi especiais».
No día de hoxe estarán todo o día en Tiendanimal, en Oleiros, para unha recollida solidaria de alimentos. Con esta actividade, que fan todos os meses, pretenden recadar comida para os máis pequenos, que se alimentan de penso e comida húmida. «Alimentar 200 gatos sen axuda todos os días é imposible para nós economicamente», afirma Luz Fernández. Dende a asociación agradecen todo tipo de axuda, xa sexa económica ou de adopción debido a que están «completamente desbordadas».