Daniel González Alén: «Varela Buxán, correspondente da Voz no 72, foi quen me meteu nisto»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A súa primeira crónica foi en castelán: «Lalín en apretada síntesis»

08 oct 2022 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, investigador e recén nomeado cronista oficial de Lalín, Daniel González Alén, cumpre medio século escribindo sobre as terras do Deza. Centos de artigos publicados en prensa, colaboracións en revistas e numerosos libros; algún de gran referencia para saber máis sobre concellos e parroquias como A Comarca do Deza, ou o máis recente sobre a Feira do Cocido de Lalín. Milleiras de crónicas cuxo inicio se remonta a setembro do ano 1972.

—Medio século da historia da comarca a través de milleiras de crónicas pero, como comezou todo isto?

—Lalín só aparecía nos xornais por mortes violentas, desgrazas ou pelexas, pero polas festas sempre se artellaban unhas páxinas extraordinarias nalgún xornal nesas datas. Comerciantes, empresarios, e o Concello —aínda que non tiña cartos e nin cobraba o alcalde—, poñían anuncios e enchíanse as páxinas con textos máis ou menos axeitados. Tiñan feitas colaboracións Otero Pedrayo e Varela Buxán, e foi este último o que me meteu neste asunto.

—Varela Buxán foi quen lle pediu que escribira entón algo con motivos das festas.

—Si. Eu viña escribindo algunha poesía pero nada máis pero Varela Buxán, que era correspondente da Voz de Galicia no 72, foi quen me meteu nisto. El vivía en Cercio e a comunicación non era especialmente boa, entón botou man de min para que mandara algunha cousa e chegadas as festas de Lalín pediume que fixera un artigo. Pediullo ao meu pai, pero el era máis de contar, así que eu sen saber nada de Lalín e para xuntar catro notas apelei á biblioteca municipal onde estaba Hugo Facal; unha persoa que sempre me proporcionou os libros que me fixeron falta, e escribín «Lalín en apretada síntesis», en castelán claro. Eran tempos en que pouco se sabía de Lalín, a historia local non se aprendía nin na escola, e a de Galicia tampouco. O único que che contaban era a historia de España, do bando franquista. Esa foi a miña primeira crónica á que lle sucederon milleiras delas ao longo deste medio século, que case custa dicilo (ri).

—E despois foi correspondente en varios xornais, colaborou en revistas e chegaron as primeiras publicacións propias.

—Si. Despois da publicación daquel primeiro artigo, axiña me chamou Manuel Azurmendi Nachón, unha persoa moi vencellada ao balonmán e aos sindicatos, a OJE (Organización Juvenil Española), que viña facendo de correspondente de El Correo Gallego en novas deportivas; fundamentalmente de balonmán, e falaron comigo para que mandara outro tipo de noticias. Botei cinco ou seis anos, e o trato foi moi bo. Colaborei con Radio Pontevedra, onde tiña un programa semanal, fixen de correspondente doutros xornais e mando colaboracións na actualidade,... Ía compaxinando iso co meu traballo no BBVA, e no 1976 é cando publico o meu primeiro libro.

—Entendo que todos os traballos son especiais pero, de que se sente máis orgulloso?

—Estou bastante contento dos libros publicados e de ter participado nos que se refiren á Feira do Cocido, que é polo que se nos coñece en moitos lados. Puxen o meu grao de area e síntome orgulloso na pequena parte que me tocou facer. As reportaxes nas parroquias, onde a xente mostra interese por dar a coñecer o seu, rescatar o que era vello e non interesaba antes a ninguén, iso tamén me enche de orgullo.

—O seguinte libro?

—Dende que se rematou o libro A Comarca do Deza traballo na súa ampliación, para algún día ampliala con un par de tomos.