Segundo Fernández, nativo de Lodeiro, foi o xastre do presidente Ronald Reagan

daniel gonzález alén LALÍN

LALÍN

Daniel González Alén

Pertenceu a unha recoñecida saga que remata o seu sobriño, Pepe de Vilatuxe

05 mar 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Cando Ronald Reagan (Illinois, 1911- Los Ángeles, 2004), tomou posesión como presidente dos Estados Unidos no ano 1981, confiou a feitura do traxe que luciría en tan importante ocasión ao seu xastre cotián, Segundo Fernández Gómez, nativo da parroquia de San Paio de Lodeiro, no municipio de Lalín. Reagan, que gañara as eleccións fronte a Jimmy Carter, andaba entón polos setenta anos o que o convertería no presidente máis vello de cantos ata entón ocuparan a Casa Branca. Antes fora locutor de radio e actor en Hollywood, onde foi protagonista nun par de películas coma galán, ao ser un tipo de alta estatura, elegante na vestimenta e pulcro nos modais, aspecto que coidaba para o cine e máis aínda se cabe, ao entrar na política.

Segundo Fernández emigrara moi novo para Bos Aires, onde se establecera a mediados do pasado século, formando alí unha familia. Aínda procuraría mellores condicións económicas viaxando ata os Estados Unidos, onde botaría un tempo, vestindo a políticos, actores e cantantes de moda, para retornar novamente á República Arxentina, onde remataría os seus días.

Dende a emigración americana viría alúmenos dúas veces a súa terra natal, a última delas no verán de 1981, segundo nos conta o seu sobriño Pepe Fernández Bernárdez, o célebre xastre músico de Vilatuxe, continuador da saga dos Fernández de Lodeiro, que tiveron sona de excelentes xastres e mestres de moitos mozos, que a mediados do pasado século, querían aprender este oficio artesán.

A casa dos Fernández Gómez en Lodeiro fora dos Louzao de Vilatuxe, dos que eran caseiros, criándose nela os once fillos que tivo o matrimonio, dos que só quedaría na parroquia Pedro, irmán de Segundo, que coma aquel aprendera o oficio onde Antonio Ramos un acreditado xastre do Pereiro de Laro. A casa, ademais de morada, era xastrería e estaba situada o carón da igrexa de Lodeiro. Agora fica deshabitada logo de que a familia e o negocio se trasladaran a Soutolongo e xa nos xa nos anos corenta do pasado século a Merza, localidade próxima as minas de Fontao, onde daquela corrían coma a pólvora os cartos do volframio, chegando a ser o pobo mineiro que tiña mais habitantes da comarca de Deza.

O xastre músico de Vilatuxe

Pepe Fernández, máis coñecido por o xastre músico de Vilatuxe, xa xubilado na actualidade e con 93 anos as costas, vai ser o ultimo xastre desta saga desta familia. Aos dez años empezou xunto a un seu irmán que logo emigraría a Venezuela, a aprender o oficio do seu pai Pedro Fernández Gómez, axudando a facer os traxes na casa, labor que compaxinaba coa asistencia a escola. Logo de casar no ano 1960, puxo xastrería e tamén tenda de calzados en Vilatuxe, que atendía xunto coa súa dona Aurora Santomé, e o pouco de abrir, xa tiñan clientes en toda Galicia. Chegaron a ter sete empregados e mesmo xente rematando pezas nas casas. O que

lles facía un encargo sempre repetía e nin sequera precisaba probar os pantalóns. Daquela funcionaba moi ben o boca a boca. No ano 1964, foi a Barcelona para aprender primeiro e ensinar despois, a cortar ben os pantalóns aos seus compañeiros de academia.

Dende ben novo, Pepe Fernández, compaxinou o oficio de xastre coa afección pola música, e co tempo tocaría o clarinete e ensinaría solfeo aos mozos da contorna, sendo o refundador da Banda Nova de Vilatuxe. Pero esa e outra historia da que xa se ten publicado algo e da que el mesmo anda agora escribindo nunha completa autobiografía para cuxa edición pide a nosa colaboración que prestamos con gusto, coma admirador seu e ata parente pola súa dona Aurora Santomé González, que ten boa parte no mérito que este home exemplar acadou en vida entre os seus veciños e paisanos, que acordaron poñer o seu nome ao auditorio de Vilatuxe, e que o Concello de Lalín o distinguira coma Lalinense do Ano 2013, polo seu labor de toda unha vida e aínda mais recentemente, a Federación Galega de Bandas de Música outorgoulle un galardón por toda una vida dedicada a música de xeito altruísta e exemplar.