Recycling fai unha entrega dun cento de libros á biblioteca Varela Jácome

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZLALÍN / LA VOZ

LALÍN

miguel souto

21 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

A Asociación Recycling, centrada fundamentalmente en outorgarlle unha segunda vida ás bicicletas e á roupa deportiva, acaba de facer unha doazón de preto dun cento de libros á biblioteca Varela Jácome de Lalín.

O colectivo, que xa distribuira con anterioridade unha elevada cantidade de exemplares; grazas a unha aportación, entre familias en situación de risco, continúa na súa senda colaborativa. Esta entrega de exemplares obedece, según José Luis Pereira de Recycling, «á necesidade de liberar espazo na casa onde abundaban libros de lectura do noso fillo, que estaban en perfecto estado de uso e aos que se lles pode dar utilidade e non quedar nun andel». Deste xeito preto dun cento de libros, de marcado carácter infantil, foron a parar ás dependencias da biblioteca Varela Jácome de Lalín para que poidan ser lidos por quen os solicite.

Por outra parte a asociación mantén a recollida de bicicletas por toda a comunidade, «temos pendente agora mesmo ir ata Lugo onde están depositadas máis de vinte e outras tantas en Santiago», comenta Pereira.

Na procura dun local

Na capital dezá o punto habilitado para facer entregas, tanto para adultos como para cativos, segue sendo o Centro Comercial Pontiñas; «aínda que agora estamos tamén á procura dun local no que se poida deixar roupa e calzado deportivo. Antes tiñamos un punto habilitado na cafetería da estación de autobuses pero mudou a xerencia, e precisamos agora facernos con outro sitio», explica Pereira. Mentres non se materialice este novo emprazamento, todas aquelas persoas ou mesmo clubes deportivos interesados en realizar algún tipo de doazón desas características poden, lembran desde Recycling, contactar coa asociación a través das súas redes sociais. De feito, aproveitando a celebración de eventos deportivos multitudinarios como o Trail de Vilatuxe, os membros do colectivo achegaronse ata esa parroquia lalinense «para recoller todo tipo de material deportivos, e darnos a coñecer a quen non saiba de nós e o que facemos».

Marrocos

Esa é unha das iniciativas da asociación Recycling a máis curto prazo, mentres que no horizonte dos próximos meses outonais está a posibilidade de viaxar ata o norte de África, a Marrocos, para levar unha importante partida de bicicletas, que sexan usadas por habitantes locais.

«As datas non están pechadas, xa quixemos facer este desprazamento noutras ocasións e non foi posible pola pandemia e por axudar posteriormente aos refuxiados ucraínos que viñeron para o pobo, agora pensamos que o poderemos facer», afirma José Luis Pereira.