O lalinense Celso Fernández Sanmartín publica «A cousa eterna» coas flores como fonte de inspiración
28 nov 2023 . Actualizado a las 22:46 h.A maxia das palabras ten en Celso Fernández Sanmartín (Lalín, 1969) un brillo especial desde neno. Reverencia o seu poder curativo, o seu poder como fío condutor da vida, o seu poder como testemuña de sabedoría popular. Un contador de historias que agocha no seu interior un poeta, unha faceta menos coñecida para o gran público. Pero xa na súa etapa universitaria en Santiago dedicaba mente e tempo a tecer versos. Unha tarefa que compaxina cos seus relatorios, cos seus espectáculos en moitos casos con amigos arredor no escenario. Nestes tempos de outono, case un ano despois de xestar os textos, acaba de publicar A cousa eterna, un poemario na colección Cera labrada da editorial Apiario.
«Fun a 32 cemiterios polo programa que fixo o ano pasado o Concello de Silleda, Vai de Parroquia no Nadal», comenta Celso Fernández. O certame propoñía a xente facerse unha foto en cada unha delas xunto a un árbore festivo e despois mandar as 32 imaxes para entrar no sorteo dunha viaxe. A paixón da súa parella por andar, por coñecer o territorio, levounos a sumarse a ese concurso. «Convenceume e cando chegamos á primeira, pensando que as árbores ían estar na parroquia, na igrexa, atopamos que estaban a maior parte nos teleclubes, era un Vai de Parroquia pero era laico», ironiza o poeta e narrador oral lalinense.
Eles foron polas igrexas a mediados de decembro e ao entrar no primeiro dos adros «eu quedei moi impresionado porque o día 1 e 2 de novembro puxéronse as flores nos cemiterios e mes e medio despois esas flores naturais que tanto adornaban, que tanta luz e ledicia daban, estaban secas e podres, todas sen excepción». Veulle a cabeza entón que un día normal nos camposantos podemos atopar flores artificiais, maiormente de plástico, pero soas. Pero neste caso convivían esas coas naturais mortas, producindo un contraste tremendo. «A min nunca me gustaron moito as de plástico pero vinlles aí unha utilidade e comecei a cavilar, a pensar sobre cantas veces eu vira flores de plástico sen estimalas», explica Fernández Sanmartín sobre o detonante deses poemas agora publicados.
Elementos simbólicos
Uns pensamentos que xiraban sobre o tema da perpetuidade e dos elementos simbólicos que utilizamos para reflectila dun modo máis fiel. «Por iso as flores de plásticos teñen un lugar máis preminte que as naturais, porque duran máis, están todo ano», incide. Xurdiron na súa cabeza imaxes e pensamentos sobre o que queremos preservar o que non queremos perder e ao mesmo tempo que sirva de homenaxe. E todo foi escrito dun primeiro golpe e «souben cando o libro estaba acabado; podería seguir pero hai como unha intuición de que se segues, redundas».
«Naqueles momentos, ao regresar a casa, escribir era algo inevitable», sentencia o escritor lalinense, desde as primeiras visitas aos adros. Nunha semana forxou o poemario tras percorrer en tres días as 32 parroquias de Trasdeza. Trátase do segundo libro que Celso Fernández publica con Apiario, pero na seu zurrón xa hai moitas obras publicadas. «Na editorial teñen unha cousa boa, que traballan con moita delicadeza, con moito detalle e moito tempo», resalta, recordando que o primeiro borrador para que o valorasen tiveron una demora longa «e cheguei a pensar que non lles interesaba, foron varios meses», nun libro con portada de Mauro Trastoy, que reflexa os liques que invaden a pedra, material protagonista nos cemiterios.
Unha obra que dedica a Hortensia Cachafeiro, «do lugariño de Zobra, e María Álvarez Martínez». Unha parroquia lalinense á que ten devoción, como as súas xentes e as súas historias. O seu anterior poemario foi, no 2020, Libro para a casa dos avós de Noelia de Alperiz, que xurdiu dun xeito inesperado tras visitar ese inmoble en proceso de restauración e sentir alí unha enerxía extraordinaria. Tamén ten publicado en revistas textos relacionados coas persoas maiores, da súa faceta de anos como animador en residencias.
A súa faceta de narrador oral empezou na súa estadía na Universidade, fai case tres décadas. «As historias que conto son coma unha escaleira, o que máis conto son historias de vida, que recompilei e como a recollida é constante as novidades son constantes», apunta para incidir no tempo que vai desde esa recollida ata que pasa formar parte dunha sesión e perdura, «hai un período de latencia, de maduración das historias, ata que un día atopa o seu encaixe e sae». As súas contadas xa viaxaron por toda España e polo estranxeiro, no Brasil, Perú, Ecuador, Portugal,...
«Interésame recoller as memorias e, por admiración, contalas a todos»
«Mario Pereira conta da súa avoa Manuela, que naceu/ en Montrigo e foi despois para Carballeda que lles dicía/ ós netos que se abrías o forno cando se estaba o pan cocendo,/ que o pan sangraba/ que o pan sangra». O poema o elixe Celso Fernández entre os compilados no libro e serve para expoñer esa querenza á sabedoría popular, ás vivencias dos nosos maiores. Súmase a súa labor comunicativa como contador, porque «eu non fago teatro, non fago dunha personaxe, non aprendo un papel de memoria, eu conto o que a min me contaron».
«Unha das cousas máis bonitas que hai porque se ti atendes e escoitas, e te atenden e te escoitan, todos aprendemos», remarca Celso Fernández para argumentar que «aprender a base de contarse historias é unha das maneiras más bonitas de aprender».
Recoñece (ri) ir moito aos teatros, «pero a facer o que eu sei facer, contar historias». Nunca fixo teatro, a pesares de compartir escenario con actores «na súa faceta de narradores orais»: Quico Cadaval, Cándido Pazó, Carlos Blanco, Paula Carballeira, Touriñán,... Nunca lle tiraron as táboas porque «para min o teatro é unha disciplina moi seria, de moita formación pero a miña é etnográfica, interésame recoller as memorias e por admiración, contalas a todos».
Fernández sigue, «escribindo moito pero sen horizonte de remate». Sempre poesía, porque inventar non lle interesa, ao emocionarse co que escoita aos demais, sobre todo a persoas maiores. E segue cos seus espectáculos por toda Galicia.