Unha distinción para Paco Lareo

Daniel González Alén CRONISTA OFICIAL DE LALÍN

LALÍN

miguel souto

O artista dezao foi un destacado colaborador na labor cultural de Lalín

23 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Ao cumprirse o décimo aniversario do pasamento de Francisco Lareo Morao (Piloño, Vila de Cruces, 1938 - 2012), artista polifacético, fundador da Casa Museo A Solaina de Piloño e impulsor e colaborador en numerosas iniciativas culturais da comarca de Deza e mesmo de Galicia, fixen, a petición do Alcalde-Presidente do Concello de Lalín, un informe a fin de que puidera servir de base e tido en conta para un expediente para outorgar unha distinción a titulo póstumo, a favor do devandito dinamizador cultural e artista plástico, de entre as que figuran no Regulamento de Honras do Concello de Lalín. Un recoñecemento que chegará hoxe ao adicarlle un parque xunto ao Espazo Xove e a descuberta dunha escultura.

Cinguíndonos o seu labor cultural no ámbito do Concello de Lalín, Francisco Lareo Morado mais coñecido polo seu nome artístico e familiar de Paco Lareo, destacou pola súa entusiasta colaboración con institucións, asociacións, empresas e particulares, actuando na maioría dos casos de xeito desinteresado e altruísta.

Foi destacado colaborador en numerosas celebracións da Feira do Cocido, correndo co cartel anunciador da edición da Feira en 1992. Seis anos máis tarde, encargouse do deseño do Testiño, artística peza de cerámica que ven sendo agasallo institucional dos Premios Álvaro Cunqueiro de Gastronomía e Xornalismo Gastronómico, dende a súa creación no ano 1998 . Na grande festa gastronómica lalinense tamén colaborou exercendo de escribán oficial da Encomenda do Cocido, desde a súa creación no ano 2000, ata un ano antes do seu falecemento no ano 2012.

Paco Lareo, foi autor do anagrama do Padroado Cultural de Lalín, de outro para o Seminario de Estudos de Deza, no que tamén colaborou coa publicación de varios traballos no anuario Descubrindo e por encarga realizou o do Colexio Público Xesús Golmar de Lalín.

Pola súa Fundación Paco Lareo-A Solaina de Piloño creada no ano 1995, pasaron ducias de artistas plásticos de Lalín e comarca, realizando cursos e exposicións, sendo numerosos artistas de tódolos campos os que participaron na intensa e proveitosa actividade cultural realizada nas instalacións desta Fundación en Piloño.

O Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, ten acollido numerosas exposicións de pintura e escultura, con obras das Xuntanza Obradoiro Internacional de Artes Plásticas, que ven realizando a Fundación anualmente, dende décadas atrás, a ultima co número XV e o título Unha pincelada a Paco, inaugurouse o pasado 4 de novembro do pasado ano.

Homenaxes

No ano 2015 dedicóuselle a Paco Lareo a XII Bienal Internacional de Lalín Pintor Laxeiro, editándose un libro recollendo as obras expostas e referencias a súa vida e obra. Mais recentemente, en agosto do ano 2022, a Fundación que leva o seu nome e preside a súa irmá, Carmen Lareo, ofreceu unha exposición no Museo Municipal Ramón María Aller de Lalín, co título Quentiños da Forxa, mostrando algunhas das valiosas obras de arte que garda a Fundación, entre elas varios cadros de Laxeiro, Sucasas, Álvaro Negro, Manolo Moldes, Antón Lamazares, Paío, Paco Pestana, Quintana Martelo e Fondevila, que logo percorreron outras cinco localidades situadas no Camiño de Inverno.

Finalmente o pasado mes de novembro do 2022, no mesmo Museo Municipal de Lalín, inaugurouse outra exposición que co título O Berro, incluía máis dunha vintena pinturas e esculturas de Paco Lareo, realizadas entre 1980 e 2010, que posteriormente pode contemplarse noutras localidades da comarca de Deza, onde o polifacético artista deixou fonda pegada.

Recoñecemento

Naquel informe feito polo décimo aniversario do seu pasamento apuntei que correspondía ao Concello de Lalín outorgar unha axeitada distinción a titulo póstumo, a favor do dinamizador cultural e artista plástico, Francisco Lareo Morao, de entre as que figuran no seu Regulamento de Honras.

Propoñía entón que unha distinción merecida e atinada, podería ser a de Fillo Adoptivo de Lalín, por canto Lareo, malia súa vinculación co noso municipio é nativo do de Vila de Cruces, onde no ano 2013 se lle dedicou unha céntrica praza que preside unha das súas creacións escultóricas. A outros persoeiros con menor merecemento outorgóuselles esa distinción no pasado. De non estimarse así, podería dedicárselle un espazo publico, unha placa nun parque, unha sala de exposicións ou a que por unanimidade da corporación municipal, a ser posible, se estime mais conveniente. Finalmente hoxe, a partires das 12.00 horas tributarase unha homenaxe a Paco Lareo, dando o seu nome a un parque público.