O colexio de Prado honrou a Luísa Villalta desde as ondas

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Os rapaces do Inmaculada celebraron un Festival das Letras

17 may 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Estes días os centros educativos festexan as Letras Galegas cun amplo abano de actividades, moitas das cales tiveron como protagonista a Luísa Villalta. A escritora e poetisa coruñesa foi lembrada polos rapaces do colexio Xoaquín Loriga de Prado que onte realizaron un programa de radio coa axuda de Gúmer Portas de Radio Lalín. Nerea actuou de condutora do programa Luísa Villalta, a nosa estrela que contou coa participación de Noa, Luís, Yair, Uxía, Hugo, Elián, David, Pablo e Cibrán.

Os alumnos recitaron tamén poesías en galego, unha actividade na que participaron tanto os cativos como os mestres. Foi unha xornada de festa na que houbo tamén maxia que contou coa actuación do profesor de terceiro de Primaria, Manuel Carbón, que exerceu de mago.

A festa rematou no patio do colexio onde alumnos e profesores cantaron a canción Chea de ida de Gaudi Galego. A celebración empezou ás 10.00 horas co programa de radio na escola para continuar coas actuacións- A celebración rematou no pavillón do colexio con xogos populares.

Nestes días os centros educativos están volcados en celebrar as Letras con actividades entre as que se inclúen concursos literarios, lectura de poemas e festivais con actuacións.

No colexio María Inmaculada de Silleda escolleron a véspera das Letras para celebrar onte por adiantado a festividade. O fixeron cun festival que tivo lugar no Auditorio da Semana Verde.

Un Festival das Letras Galegas que estivo enfocado ao recoñecemento dos valores e a obra da escritora homenaxeada este ano. As palabras sumouse a música coas actuacións dos rapaces do colexio que forman parte di grupo de música e baile tradicional Aires do Trasdeza que actuaron sobre o escenario.

Outras iniciativas municipais e educativas na zona

En Lalín haberá hoxe pasarrúas a cargo da asociación cultural Carballo da Manteiga a partir das 18.30 horas. Mentres, o salón de actos do consistorio de Silleda acollerá a entrega dos premios do certame de vídeos Presume de lingua, organizado polo Concello.

A Estrada

Pregón e actuación da Banda de Gaitas de Barbude. Na Estrada, ás 12.00 horas será hoxe a lectura do pregón na alameda a cargo de Ana Cela, seguido da actuación da Banda de Gaitas de Barbude. Onte, no CEIP do Foxo os alumnos de quinto e sexto lembraron a biografía de Villalta e leron os seus poemas.

Vila de cruces

Bolsas e manteis coa imaxe de Villalta. Pola súa banda, o Concello de Vila de Cruces quixo sumarse á homenaxe a Luísa Villalta. Fixo entrega a todos os comercios de Cruces dunhas bolsas que usarán nas vendas destes días, así como uns manteis individuais para os establecementos da hostalería do municipio, coa imaxe da escritora.