A Festa da Malla celebra as súas vodas de prata cun chamamento á mocidade

David Cofán Mazás
David Cofán LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Invitan a asistir aos máis novos para coñecer o valor das labores do agro

15 ago 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Como cada agosto dende fai nin máis nin menos que 25 anos, o lugar de Doade, na parroquia lalinense de Codeseda, acolle unha das festas máis destacadas do verán na comarca e en Galicia enteira. A Festa da Malla Tradicional, organizada pola Casa do Patrón, celebra as súas vodas de prata o sábado 24 cunha saúde envexable, sumando cada edición máis visitantes e, o máis importante, facendo unha gran labor de divulgación e posta en valor das labores do agro e o sacrificio dos nosos antepasados. Este ano os seus organizadores fan especial fincapé nas novas xeracións, animándoas a acudir á festa e coñecer de primeira man como traballaban os seus avós.

O consistorio de Lalín foi o escenario da presentación do programa, tendo a Manuel Blanco, xerente da Casa do Patrón, ao empresario Maximino Míguez e ao artista Avelino Jácome coma protagonistas. Tamén participaron a concelleira de Cultura, Begoña Blanco, e o edil de Festas, José Cuñarro. Blanco manifestou o «orgullo» do Concello de Lalín e da veciñanza cara esta celebración, que dende o 2022 é de Interese Turístico de Galicia.

Innovar mantendo a tradición

«Tratamos de recoller a tradición e espallala para dala a coñecer ás xeracións que veñen», apuntou Jácome, quen sinalou que a Malla «é un xeito de dar vida aos nosos antergos». «A Malla é un libro aberto, cando somos capaces de somerxernos nese mundo volvemos a aquela época, facémola nosa e poñémola en valor», reflexionou.

Un dos retos da Festa da Malla é seguir facendo a xornada atractiva ao público, incluíndo novidades e cambios no guión. Porén, non é unha tarefa sinxela posto que a peza fundamental da engrenaxe é precisamente iso, manter e enxalzar a tradición. «A base é a mesma, mallar como se facía antes. Seguir a tradición e demostrar aos que veñen detrás de nós que era algo importantísimo», apuntaba Maximino Míguez, centrado no fundamental papel da malla no día a día das familias. «O día que había trigo e centeo estaba asegurado o pan», indicou.

«Se non fora polo seu sacrificio non chegariamos ao grao de benestar que temos hoxe», engadía Manuel Blanco. A Festa da Malla convertese así nunha homenaxe aos nosos antepasados e o seu esforzo para sobrevivir en épocas complicadas. «É importante levar aos nenos para que aprendan, é tempo aproveitado», afirmou.

500 comensais

O xerente do Museo Etnográfico Casa do Patrón pediu á veciñanza da comarca dezá que acuda o sábado a Doade, sendo «a mellor maneira de apoiarnos». Neste senso, declarou que xa hai anotadas máis de 500 persoas para o xantar popular e que aínda hai tempo para que se sume máis xente, xa que teñen capacidade para dar de comer a un milleiro de persoas. Lembrou que se trata da única Malla de Galicia na que se fan todas as representacións históricas do proceso.

A festa arrinca ás 11.00 horas cunha mostra de artesanía, maquinaria e pintura. Esta última, coa exposición A Arte da Malla, estrease o día martes 20 e estará aberta ata o 20 de setembro. A partires das doce será o momento da representación da malla tradicional. Unhas 70 persoas vestidas de época participarán na recreación do carrexo de mollos, a malla á pedra, con males, con malladoira manual e tamén con motor e tractor.

Para participar é imprescindible vir vestido como manda a tradición, entregándose un premio para o home e a muller coa mellor vestimenta. Entre malla e xantar haberá música, coa actuación da charanga Os Ardores.

Dende as 16.30 horas terá lugar a décima edición do Serán da Malla. Un festival de música popular cos Amigos do acordeón Terras de Celanova, A Xariza de Parada, a Banda de Gaitas e Danza O Irixo, a agrupación Carballo da Manteiga, o grupo Os Dezas de Moneixas, as pandereteiras Ferreñas do Testeiro e Os Trasnos de Doade. Para concluír actuarán Os Melidaos ás 19.00 horas.