Rafael Cuíña: «Despois do Nadal vou tomar unha decisión sobre o meu futuro político»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

Asegura que os seus compañeiros «estarían dispostos ao 100 %» a acompañalo nas decisións que tome, «incluída a de marchar para casa»

20 nov 2024 . Actualizado a las 12:35 h.

As cábalas sobre o futuro político de Rafael Cuíña, líder de Compromiso por Lalín, levan meses escoitándose. O xefe da oposición foi ata a data contestando con certas evasivas sobre o asunto, aínda que onte nos micrófonos de Radio Voz, fixou unha data de referencia para clarexar a súa intención: despois do Nadal.

—A pregunta que está na rúa, e certamente lle están facendo, cal é o seu futuro político?

—O futuro político de Rafael Cuíña non ten importancia. Non vai trastocar o futuro de Lalín. Eu son un veciño máis que tivo a honra de ser alcalde deste pobo, e de traballar agora dende a oposición, pero marquei unha data de referencia: despois do Nadal vou tomar unha decisión, nun sentido ou noutro. Non estou pechado a opcións, pero débolle un respecto aos votantes de Compromiso, que foron moitos, e tamén aos compañeiros da formación e á familia. Penso que estarei en condicións de comunicar unha decisión ao respecto despois do Nadal.

—Presentarase ás próximas eleccións municipais?

—En condicións normais, e non estou pechado a nada, que en política as cousas dan moitas voltas e non quero que despois se poida interpretar mal, é moi complicado que me volva presentar á alcaldía. Creo nas etapas, e non lle estou recriminando nada a Crespo... pero calquera decisión que tome fareino pensando no futuro de Lalín, e sempre será a miña referencia. É certo que na rúa, tomando un café, por teléfono... moita xente está a preguntarme polo que vou facer, pero que saiban todos que pronto o saberemos.

—Independentemente da súa decisión final, a política forma parte da súa vida.

—Lévoa no ADN, vívoa dende pequeno, pero tamén é certo que se pode facer política mirando para Lalín e para Galicia.

—A decisión que tome sobre o seu futuro político afectará, dun xeito ou outro, á formación de Compromiso por Lalín, aos compañeiros de partido e concelleiros. Como se está vivindo internamente toda esta situación?

—Aínda que a miña decisión fora irme para casa habería outra persoa do meu equipo que liderase unha alternativa ao Partido Popular, se o considerase desa forma.

—Pero o que máis peso colle na rúa é que podería integrarse nas filas do Partido Popular.

—Sei que é o que máis se comenta... Algúns veciños tamén din que somos a única alternativa real ao Partido Popular... O que podo dicir é que, polo que me transmiten os compañeiros, estarían dispostos ao 100 %, a acompañarme nas decisións que tome, incluída a de marchar para casa se fose a decisión final. En política levo vistas moitas cousas, tantas traizóns, ou cuestións como a actual xestión da catástrofe en Valencia na que se tiran as tellas uns a outros... Tantas, e tantas cousas, que me fan reflexionar sobre a necesidade que temos de todo isto.

—Tomará pois en breve unha decisión como o fixeron no pleno do luns apoiando a ampliación da zona deportiva.

—Un político ten que tomar decisións, pero se eu vexo que se pisotean os dereitos de veciños, teríame abstido. Votaría en contra. Hai necesidade de pistas de atletismo. Na pasada campaña electoral reuninme cos propietarios dos terreos afectados, cónstame que o goberno tamén o fixo... pero o fácil é a equidistancia. En política hai que ser claros, xa que do contrario vénselle as costuras ao posicionamento.