Crespo loitará por unha delegación da Axencia Tributaria en Lalín

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

O rexedor retomará tamén a consecución dos exames do carné de conducir na vila

26 dic 2024 . Actualizado a las 21:55 h.

O alcalde de Lalín José Crespo pecha o exercicio 2024 coas miras xa postas en varios retos para o futuro; entre eles está conseguir asentar na vila unha delegación da Axencia Tributaria e que os exames do carné de conducir se poidan materializar na localidade, sen necesidade de desprazamentos; como o anunciou onte na súa derradeira entrevista do ano en Radio Voz.

Lembrou o rexidor que non é a primeira vez que tenta que Lalín conte cunha delegación da AEAT, «pero non se nos fixo caso, e non imos aceptar o non por resposta», afirmou. Entende que existe un agravio comparativo con Galicia e co resto de España, e que Lalín sendo cabeceira dunha comarca de máis de 40.000 habitantes precisa dunha oficina desas características pola que vai loitar máxime tendo en conta «que concellos máis pequenos co noso como A Estrada, Carballiño, Verín ou A Rúa, e podería mencionar un montón de sitios máis, teñen Axencia Tributaria. Somos o único pobo importante do interior de Galicia que non a posúe». Crespo avanzou que loitará para elo con argumentos, e solicitará do Ministerio de Facenda a súa posta en marcha, insistindo en que «no seu momento, pola razón que sexa discriminaron a Lalín, pero iso non o imos permitir». Outra das ofensivas apuntadas polo alcalde de Lalín ten que ver coa obtención do permiso de conducir na capital comarcal. Ao igual que no caso da delegación da Axencia Tributaria, Crespo xa pediu que os exames para o carné se puidesen validar na vila en varias ocasións, sen resultado positivo ata a data. Argumentos para que as probas se fagan en Lalín tampouco lle faltaron; «vemos como delegacións provinciais se desprazan a algún sitios para facer os exames e aquí non. Estamos a máis de 80 quilómetros de Pontevedra e será máis lóxico que veñan eles a examinar que teña que ir toda a xente da comarca alá». Remarcou que as condicións esixidas no seu momento para que os exames se puidesen facer en Lalín están subsanadas; «pedían un tramo onde transitar por autovía e témolo, desde Catasós ata o Polígono Lalín 2000, un tramo libre de peaxe se é que queren levar os examinadores aos alumnos por alí», insistiu.

Argumentacións en ambos casos que elevará aos organismos competentes para tentar pechar a súa consecución futura.

A Feira do Cocido, co embaixador de Xapón como pregoeiro, darase a coñecer en Fitur

A próxima edición da Feira do Cocido de Lalín, que celebrará o 23 de febreiro a súa 57 edición, será presentada na capital de España, en Fitur, no salón de turismo máis importante do país.

Un evento ao que acudirá un ano máis o alcalde de Lalín, como avanzou onte e que recibía unha boa nova; «ofrecéronnos unha páxina de balde sobre a Feira do Cocido polo nome que xa ten o evento, cando antes tiñamos que pagar por ela, e moito. Dánnola polo millo que hai no hórreo, senón non nola ofrecían», comentou en clara alusión o traballo de divulgación da feira levado a cabo ao longo dos últimos anos. Unha presentación en Fitur na que se fará tamén fincapé no pregoeiro desta edición, que por primeira vez na historia da feira, recaerá nun embaixador: o de Xapón, que abre a terna de pregoeiros estranxeiros. Despois dunha nutrida representación de artistas, escritores e políticos, o embaixador xaponés en España inaugura unha nova senda «que entendo que nos beneficiará, e en todo caso fágoo coa mellor das intencións. Non tiñamos ninguén en Asia. Dabásmoslle difusión á feira en España, e onde había galegos, caso de Miami, Estados Unidos, México, Suiza pero nunca en Asia, e facémolo agora cunha potencia mundial como é Xapón», apuntou o rexedor.

Coidar a Feira do Cocido polo impacto que supón, pero sen deixar de apostar tamén polas Aldeas de Nadal, insistiu Crespo, «que nos está desbordando a xente e empezamos a ter problemas ao haber reclamacións por non haber onde comer. Estou moi satisfeito coas aldeas, pero temos que coidalas e agradecer á xente que se despraza incluso desde fóra de Galicia a velas».