Ángel Carracedo, Maruxa Zapata, Dolores Varela e Ángela Torres, ponentes
09 ene 2025 . Actualizado a las 20:10 h.A concelleira de Sanidade e Hábitos Saudables de Lalín, Noelia Seijas, acompañada pola tenente de alcalde, Paz Pérez, deron a coñecer onte o segundo Ciclo de Conferencias sobre Saúde, que se celebrarán no edificio sociocultural do Manuel Rivero, e que traerán novamente á capital comarcal a «profesionais da saúde de renome, tal como se fixo no primeiro ciclo, e que tan boa receptividade obtivo por parte do público», como destacou a responsable local de Sanidade.
Ángel Carracedo Álvarez, Maruxa Zapata Cachafeiro, Dolores Varela Costa e Ángela Torres Iglesias protagonizarán as conferencias deste segundo ciclo que se abrirá na próxima semana e concluirá no mes de abril. O catedrático de Medicina Legal da USC e director da Fundación Pública de Medicina Xenómica (Sergas-Xunta de Galicia), Ángel Carracedo, será o encargado de abrir as charlas. Farao o 17 de xaneiro, ás 19.00 horas, coa titulada «Enfermidade, xenes e ambiente». Continuará coa rolda de ponencias a licenciada en Farmacia e diplomada en Nutrición Humana e Dietética, Maruxa Zapata Cachafeiro, que falará do xeito de descifrar as etiquetas dos alimentos o 17 de marzo, ás 18.00 horas. Esta doutora en Epidemioloxía e Saúde Pública foi convidada a tomar parte neste ciclo de conferencias despois «de asistir persoalmente a unha das súas ponencias, que me pareceu tan interesante, que pensei en que tiña que estar en Lalín», recoñeceu a concelleira de Sanidade na presentación do ciclo que tivo lugar onte.
A terceira profesional convidada a estes encontros é a neurocirurxiá Dolores Varela Costa, natural de Agolada, que o 5 de abril ás 12.00 horas disertará sobre «Patoloxía dexenerativa de columna cervical e lumbar»; «considerada pola revista Forbes no 2022 como unha das cen mellores médicas de España», detallou Seijas. Finalmente a catedrática de Psiquiatría da Facultade de Medicina e Odontoloxía da USC e vicedecana de Intercambios, Calidade e Innovación educativa da Facultade de Medicina e Odontoloxía na USC, Ángela Torres Iglesias, pechará o ciclo de conferencias o 28 de abril, ás 19.00 horas, cunha charla titulada «Como afecta o estrés á nosa saúde».
A tenente de alcalde, Paz Pérez, agradeceu a implicación de Noelia Seijas neste programa formativa, gabou os bos resultados da primeira edición, e animou á asistencia «dun ciclo que se fai polo empeño da concelleira de Sanidade, e que traerá de novo a Lalín a profesionais de importante referencia. É unha oportunidade telos no noso concello, que os poidan disfrutar os veciños a pesar da xustada axenda que teñen, e que acoden de maneira desinteresada».