Compromiso levará ao pleno unha petición de comparecencia do goberno para coñecer prazos no Lalín 2000

amelia ferreiroa LALÍN /LA VOZ

LALÍN

15 ene 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Coñecer con exactitude o tempo en que tardará o sector empresarial en dispoñer de chan industrial na cuarta fase do polígono Lalín 2000 centrará a moción que Compromiso por Lalín (CxL) levará ao pleno ordinario deste mes de xaneiro. Así o avanzou onte o coordinador da formación Rafael Cuíña na entrevista quincenal en Radio Voz, matizando que se trata dunha petición de comparecencia construtiva, «na que o goberno debería explicar a situación real, cales son os pasos a dar nos próximos meses e anos para que os empresarios os coñezan». A agrupación pretende contar cun cronograma claro de disposición de chan industrial no Lalín 2000, con datas concretas respecto do momento exacto en que se poderán ampliar instalacións en dito polígono. Lembrou que leva loitando pola ampliación desde o 2015 «que se me negou a necesidade de chan industrial. Claramente algúns non fixeron os seus deberes, eu si», puntualizou. Unha dispoñibilidade de máis superficie no polígono Lalín 2000 que debe manter en paralelo coa posta en marcha de posibles zonas de aceleración de proxectos empresariais, na opinión de Cuíña.

O letargo da praza de abastos de Lalín é outra das preocupacións da formación política que lidera Rafael Cuíña. Situación que analizou recentemente coa concelleira do goberno Karen Fernández en aras de buscar unha solución «a un recinto que esmorece», segundo dixo. A praza lalinense na que só están funcionando un par de carnicerías, un supermercado e unha tenda de produtos gourmet está perdendo clientela, «e sería bo darlle unha volta e mesmo repasar os prezos de aluguer, por exemplo, aínda que non son altos pero algo habería que facer. Antes era unha praza dinámica, pero tampouco sei cal é a tecla a tocar para que funcione».

Noutra orde de cousas, Cuíña mostrouse satisfeito polo cambio de emprazamento dos colectores á rúa Rosalía de Castro desde a Loriga, tal como solicitara a súa formación en pleno, pero subliñou que xa puxo en coñecemento do concelleiro de obras a perigosa ubicación de dous colectores na rúa B, á altura do número 77 concretamente, «que están pegados a un paso de peóns, nunha zona que pasan moitos rapaces cara ao instituto Laxeiro, e tápanlle a visibilidade aos condutores. Xa se presenciou algún susto, e a petición xa foi recollida». Lembrou que o Concello traballa nun plan para reformular lugar para os colectores no casco urbano.