![](https://img.lavdg.com/sc/K-NEmm_c6xe7jp9gRjxP02GtGuE=/480x/2025/02/04/00121738699321636512936/Foto/DF5C4F1_21128.jpg)
A Asociación da Banda de Lalín continúa sen candidaturas
05 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A Asociación da Banda de Música de Lalín celebra esta noite ás 20.30 horas en primeira convocatoria, e ás 21 horas en segunda, no Auditorio Municipal a súa asemblea anual na que se darán a coñecer as contas da entidade para seguidamente presentar as candidaturas que opten a facerse coa directiva do colectivo lalinense. O problema radica en que ata o momento ninguén se interesou por levar a continuidade da asociación, despois da renuncia en bloque que presentou a xunta directiva que presidía Antón Batán, no pasado mes de outubro.
Unha asemblea anual, a desta noite, na que os asociados saberán que económicamente a asociación ofrece contas positivas, «a pesar de que foi un ano no que houbo gastos en compra dalgún instrumento, varias reparacións e subiron os soldos dos profesores pero aínda así a saúde financieira é positiva, pero tamén é certo que para chegar a fin de ano desta forma habería que facer algunhas festas», matiza Batán. Pero non agocha o ex presidente da entidade a súa preocupación polo futuro da asociación; «a situación é moito máis preocupante do que aparenta. Dende outubro que presentamos a nosa dimisión non xurdiron propostas, alternativas, nada... É máis, ninguén preguntou o que pasaba, se interesou pola nosa renuncia como directiva, absolutamente nada», contextualiza con pesar.
Unha banda de música con anos de historia e de prestixio á que lle falta na actualidade, a xuízo de Antón Batán, ilusión. Unha situación, que entende podería solventar unha nova xunta directiva que entre con enerxía, traballo e iniciativas. «Nós non imos repetir nos cargos. Non nos imos facer cargo de novo da asociación. A decisión de deixala foi moi meditada e pensada, pero entendemos que poden chegar persoas novas, con ideas que vaian a refrescar a situación, e que veñen novos folgos».
Unha nova directiva que contaría con toda a axuda dos antigos responsables da asociación, insiste o ex presidente, pero para elo precísase que xurda algún tipo de lista na asamblea desta noite. «Comezaremos coa lectura e aprobación da pasada asemblea anual, repasaremos as contas, abriremos o turno de rogos e preguntas, e despois é cando se aperturarán as candidaturas polo que haberá tempo ata entón para que se presenten. E esperemos que haxa novidades en positivo nese senso, e que saiba calquera interesado en coller a asociación que terá todo o noso apoio naquelo que precise».
O maior temor que pesa sobre os antigos responsables da asociación lalinense ante a celebración da asemblea de hoxe é que non se presente ningunha candidatura o que podería facer perigar o futuro da asociación cuxos estatutos rezan que o colectivo pasaría a ser dirixido por unha xunta xestora «que tería na súa función a disolución da asociación. Iso é o que din os estatutos pero espero que polo ben da entidade e da formación haxa boas novas de cara ao seu futuro», prega Batán.