Santalla deixa o cargo de secretario de Gandería de UPA tres décadas despois

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

O abandono produciuse onte no undécimo congreso do sindicato agrario

20 feb 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O sindicalista lalinense Román Santalla abandonou oficialmente onte o seu cargo de secretario de Gandería da Unión de Pequenos Agricultores (UPA), que ostentaba desde abril do ano 1985. Decisión que se deu a coñecer no undécimo congreso do sindicato, que se celebra en Madrid, e no que o tamén Lorenzo Ramos ratificou a súa marcha da presidencia de UPA despois de 21 anos.

Unha xornada, a de onte cargada de emocións para Román Santalla, que lembraba trinta anos de loita con momentos moi difíciles pero cun horizonte moito máis sosegado. Para o sindicalista, ao que lle tocou lidiar grandes batallas, as tres máis virulentas foron as crises das vacas tolas, o porcino e as lácteas. «Posiblemente a da vacas tolas foi a máis terrible de todas, a do porcino do ano 99 significou o peche de explotacións e consecuencias gravísimas para moitas familias, e das crises lácteas, que tivemos as nosas ao longo de todos estes anos, penso que a do 2015/2016 foi a peor con moitos tractores nas rúas e nós durmindo fóra varias noites». Santalla non se esquece dos problemas que se foron prantexando desde os sectores cunícola e avícola, «aquí non quedou ninguén sen unha determinada problemática, que intentamos solucionar».

Trinta anos ás costas de reivindicacións e pelexas, partindo dunha organización que estaba nacendo, lembra Santalla. «Foi unha loita permanente, independentemente dos gobernos, en que houbo que facer de todo, saber estar en todas as crises e facelo antes que ninguén». Unha loita realizada desde o Sindicato de Unión de Pequenos Agricultores que se foi extendendo aos territorios, cobrando protagonismo e participacións activas en todas as comunidades deixando neste ano 2025 «un panorama máis tranquilo despois das últimas batallas. Os distintos sectores están nun mellor momento, estanse cubrindo os custes de produción polo que a sensación é moito mellor que anos atrás, sen dúbida algunha», según Santalla. A pesar de todo Santalla non agocha que quedan retos no tinteiro por cumprir, pero marcha satisfeito polo traballo feito e polo anuncio realizado polo ministro de Agricultura no congreso respecto da lei de agricultura familiar. «Levabamos tempo pedindo unha lei que protexa esa estrutura de agricultura familiar para que se manteña no tempo, e hoxe —por onte— o ministro anunciou que o ía prantexar nos órganos competentes. É unha moi boa nova, e máis que se produza no momento en que deixo o cargo».

No congreso federal de UPA que continúa hoxe coñecerase o nome de quen ostentará a vacante na secretaría que deixa o sindicalista lalinense.

174

Expositores directos

A ese número se suman 334 marcas representadas, para un total de 508 empresas

26.000

Metros cuadrados

La superficie bruta que ocupa esta edición del certamen ronda ese volumen de metros

26

Países

De ese número, hay seis con presencia directa: España, Italia, Portugal, Países Bajos y Austria, un 3,5 % más

Afiliado a Unións Agrarias desde 1987, en tempos de defensa das cotas lácteas en Galicia

Román Santalla afiliouse ao sindicato Unións Agrarias no ano 1987, recén chegado a Palio (Lalín) desde Venezuela, cando as cotas lácteas eran temas de conversación e preocupación dos gandeiros, lembra. «O sindicato fundárase a mediados dos anos oitenta, pareceume coherente o seu posicionamento e liñas de traballo e aí comezou a miña vinculación co mesmo». Un sindicato no que tamén ocupou varios cargos orgánicos ao igual que na fundación de distintas entidades asociativas vencelladas ao mundo agrario.

Cargos directivos que quedan na traxectoria profesional deste sindicalista agrario que aspira agora a levar unha vida máis tranquila e familiar, mantendo soamente a presidencia da Cooperativa Cobideza de Cercio (Lalín), «e deixando paso aos novos que teñen que enfronterse aos novos retos, que sempre os haberá a pesar de que estamos nunha etapa máis sosegada». Marcha satisfeito e orgulloso do traballo feito: «queda unha organización moi estruturada en todo o territorio, forte e seria».