María Jesús Vilanova Torres: «No bazar introducimos planta hortícola no ano 1995, que regalamos, para que se coñecese»
LALÍN

Foi galardoada co premio Maruja Gutiérrez a toda unha vida
06 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Unha curmá de María Jesús Vilanova Torres (Galegos, Lalín), que rexentaba unha droguería na Coruña, foi a que lle plantexou a posibilidade de abrir un negocio de semellantes características na capital comarcal. Corría o ano 1991, e daquela idea inicial naceu Bazar Droguería Agra ao que se sumou outro proxecto catro anos despois, en forma de viveiro.
—Premio na traxectoria de toda unha vida do Maruja Gutiérrez, como recibe a nova?
—Con alegría e sen esperalo. É un aliciente para seguir traballando despois de máis de 30 anos, e darlle o mellor servizo posible á clientela.
—Abriu un bazar droguería que, co paso dos anos, foi modificando a súa oferta.
—Si. Cursei estudos de administrativo e estaba nun momento profesional de indecisión. Foi cando unha curmá me comentou que podía abrir un negocio coma o seu de droguería e bazar, e así o fixen no ano 1991. Os primeiros tempos foron de boas vendas, pero coa chegada ao pobo das cadeas de droguería facíase imposible competir en prezos. Entón, por casualidades da vida, un día en Pontevedra vimos unha tenda na que se vendían plantas hortícolas e pensamos que podía ser un excelente complemento de venda para a nosa tenda.
—E foino?
—Co tempo foino (ri). A planta hortícola introducímola no ano 1995 e tivemos que regalala para que se coñecese. A xente estaba acostumada a mercar un cento de repolos ou de coles, e como lle explicabas que podía plantar cinco ou dez en cepellón. As primeiras que tivemos na tenda foron leitugas, repolos, coliflor e brócoli, os pementos e os tomates chegaron máis tarde. Hoxe todo o mundo coñece as plantas hortícolas, pero nós tivemos que facer un traballo de divulgación e o boca a boca tamén axudou a que se expandise. Actualmente pídese de todo, mesmo produtos tropicais que aquí non se dan.
—Tiveron visión de futuro respecto da planta hortícola e apostaron por facer sementeiras.
—Si, no ano 1999 abrimos o primeiro dos nosos viveiros, unha empresa familiar, na que facemos as sementeiras de todo tipo de plantas que posteriormente distribuímos por toda Galicia.
—Está a piques de empezar a tempada forte de plantación?
—Desde agora xa se empezan a mercar as cebolas, leitugas e repolo para plantar aínda que a época forte para as plantacións nas hortas é desde o mes de abril ata xuño.