Aparecen 144 berros, nados no ano 1975 en Lalín, ata en Italia e Barcelona

Amelia Ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

11 mar 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Na procura de dar cos nenos e nenas nados en Lalín no ano 1975, un total de 261, como rezan os datos do Instituto Galego de Esttística, anda unha comisión organizadora xestada para a ocasión co gallo de celebrar por todo o alto tal efeméride. E a busca non está indo nada mal, a seis meses para o 13 de setembro, data en que está fixado o gran encontro coincidindo cunhas festas sempre entrañables para os lalinenses como son as do Montserrat. Xa son 144 os cincuentóns que formalizaron a súa anotación para tal sinalada festa, como avanzou Gúmer Portas, un dos integrantes da comisión organizadora; número que pretenden obviamente ampliar nas vindeiras datas.

Xa é ben sabido que hai galegos en todos os recunchos do mundo, mesmo na lúa, pois cos lalinenses pasa un pouco o mesmo; «temos unha lalinense en concreto que está en Italia, e que xa asistiu a outros actos que programamos os vellos alumnos do colexio Sagrado Corazón, e tamén temos unha anotación feita desde Barcelona».

Toda unha aventura de localización de vellos compañeiros de clase, «mesmo de algúns que polo nome nin non soan xa que posiblemente cursaron só un curso no centro, caso do ano 81 en que había 47 alumnos matriculados en primeiro de EGB no Sagrado Corazón»; conta Portas, e na que están involucrados María de la Fuente, ex-alumna tamén do Sagrado Corazón, Abel Mato e Sé Senande do centro Varela Buxán de Cercio, e Antonio Lamas e Verónica Mon do Xesús Golmar.

Armados de paciencia e moita ilusión seguen apelando aos lalinenses que naceron no 75 para unirse á festa, pero tamén aos que fan vida no pobo e comezan a peitear canas.