
A directiva da banda mantivo conversas para escoitar ás partes
16 abr 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Os problemas internos xurdidos no seo da Banda de Música de Lalín, que mesmo empurrou ao presidente Antón Batán a apostar por un relevo á fronte da directiva, semellan estar encauzados despois de que se mantiveran encontros con todas as partes implicadas na formación bandística: pais de músicos menores de idade, integrantes da formación e director da banda.
A Banda de Música de Lalín abriu unha nova etapa, según anunciou o presidente, que agarda «sexa ilusionante despois de limar asperezas, que as hai en todas partes, e o importante é darse conta de que existen e sandar a ferida antes de que vaia a máis». Ábrese unha nova senda despois dunhas reunións que significaron a posta en marcha de novos horarios de ensaios. «Parece que agora funcionan mellor, xa que algún músico entraba ás catro da tarde e non saía ata as doce da noite. Conseguimos que os ensaios sexan agora máis curtos, produtivos e amenos atendendo a unha petición de pais e tamén de músicos», explica Batán.
A formación lalinense carecía da ilusión suficiente para encarar proxectos de futuro, según recoñecía semanas atrás o presidente, que apunta a un cambio que se está dando paseniñamente entre a familia bandística. «Non tiñamos moi claro cara onde queriamos ir e os ensaios non eran posiblemente os máis atractivos que se buscaba, pero creo que iso está mudando e xa estamos con novos proxectos á vista que serán un revulsivo para todos». Para o presidente a liña a seguir é a do diálogo, da escoita «e de pasalo ben que é o que buscamos todos, e penso que o estamos conseguindo. É moito de agradecer o poder contar cun público extraordinario que nos apoia sempre ao 100 %. Que podíamos ter máis nos nosos concertos? Claro. Temos unhas catrocentas persoas, e poderían ser catro mil, por suposto. Todo o mundo soña sempre con máis...», comenta cun sorriso.
Arranca pois unha nova andaina para a Banda de Lalín con proxectos novidosos nos primeiros compases da primavera.
Primeira subida ao escenario dos músicos da Banda Infantil de Lalín
Organizado pola Escola de Música da Banda de Lalín, a Sala Tuno Valdés do Auditorio, acollerá o próximo día 26 (17.30 horas) o Festival de Bandas Infantís e Xuvenís. O evento contará coa participación das bandas infantil e xuvenil de Lalín que dirixe Santi Mella, e como convidada estará a Banda Xuvenil de Visantoña, que dirixe o lalinense Alejandro Carral. Para a decena de músicos da formación infantil lalinense, cativos de entre 6 e 9 anos, será esta a súa primeira subida ao escenario ao pasar os anteriores á xuvenil.