«Facemos reparto a domicilio nun radio de 7 quilómetros para 14 locais»

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Miguel Souto

A empresa Levar foi medrando en pouco tempo e facéndose un oco en Lalín

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Levis Armando Dumitru Dumitru ten 22 anos e xunto a seus pais puxo en marcha a empresa Levar. Os coches negros rotulados en dourado, xunto a outros de distintas cores, pódense ver todos os días polas rúas de Lalín levando pedidos a domicilio de restaurantes e establecementos de hostalería da localidade. Levis (Lalín, 2002) compaxina este traballo cos estudos do Grao de Dereito na Universidade de Santiago de Compostela. Os seus pais, Genia Dumitru e Levis Iulian Dumitru, de orixe rumano, chegaron a capital do Deza fai 23 anos e Levis Armando xa naceu aquí.

A idea desta aventura empresarial xurdiu, conta Levis, despois de enterarse de que «se estaban a desenrolar este tipo de empresas xa fóra das cidades en localidades de tamaño similar a Lalín e aquí hai moitos restaurantes e un gran número de locais de hostalería». Na familia, a idea lles pareceu axeitada e aí naceu Levar. O nome, corto e directo, «foi idea de meus pais e a min pareceume ben porque é moi claro, sinxelo e fácil de lembrar».

Arrancaron, explica, «con tres coches que mercamos e agora somos cinco repartidores: eu, meus pais e dos rapaces máis». Teñen xa «catro coches e un patinete para cando fai calor». A empresa foi medrando co tempo e sumando un maior número de establecementos aos que presta o seu servizo, en gran medida polo boca a boca. «Estamos moi contentos» e aínda que contaban que a cousa iría progresando co tempo «o crecemento foi máis do que esperabamos». Ao estilo de outras coñecidas empresas de reparto a domicilio que operan nas cidades, Levar conta co mesmo tipo de mochilas refrixeradas. Cada repartidor ten a súa. Cobren «un radio de sete quilómetros dende o restaurante». Iso supón, comenta, que ademais do casco urbano o reparto chegue a parroquias próximas como Goiás, Filgueira, Botos, Donramiro «e a Prado xustiños».

Fan reparto en horario de comidas e ceas os sete días da semana. De 13.00 a 16.00 e de 19.00 a 00.00 horas. As vésperas de festivos e os fines de semana é cando hai máis demanda e «se entre semana podemos ter 40 ou 50, nos días de fin de semana andamos polos cen». A demanda é maior polas noites, indica.

En canto a se o tempo inflúe á hora de facer pedidos de comida para que chos leven a casa, Levis conta que «non levamos tanto tempo como para ter eses datos ben medidos, pero o que si está claro é que cando chove, a xente pide máis comida para que lla leven á casa e non ter que saír».

A empresa empezou a súa andaina o 29 de novembro do 2023. Nestes momentos serven a 14 establecementos que son Siglo XXI, Casa do Gato, Bodegón A Cunca, Petisco, Lalín Doner Kebab, La Flor, Venezia, Taberna Café, Os Arcos, Loriga, Antojos, Sazón y Son, Casa Avril e Tarde Piaches.

Tecnoloxía

Levis está orgulloso de que «non tivemos nunca ningún problema nin cos pedidos, cos clientes, nin con ningún establecemento». «Ao principio non tiñamos nada que ensinar, salvo levarlles a idea e houbo quen nos apoio moito», explica. Nos primeiros meses andaban, di, «polos 300 ou 400 pedidos ao mes» e o derradeiro «xa foron 2.000».

Recoñece que ao principio «custaba que se apunten porque supoña introducir tecnoloxía e non apuntar os pedidos a man como se levaba facendo toda a vida». O sistema é sinxelo. Os locais contan cunha tableta «cun programa que lle damos nos. Eles reciben o pedido do cliente, establecen o tempo que lle vai levar facer a comida. Nos dan a orde e nos estamos á hora precisa para recoller o pedido e levalo ao enderezo que sexa». O transporte, ao ser distancias curtas, «sole ser bastante rápido».

Agarda que se vaian apuntando máis establecementos que confíen no seu bo facer. Pese ao crecemento, Levis, apunta que non se prantexan expandirse a outras vilas «porque é un traballo no que tes que estar moi enriba e moi pendente para que todo vaia ben». O que si non descartan é poder engadir produtos doutros sectores e ofrecer este reparto a domicilio, como fan outras coñecidas empresas globais, a diferentes tipos de establecementos pudendo levar á casa dende pedidos de medicamentos das farmacias, de roupa, calzado ou complementos das tendas, encargas das florerías ou calquera tipo de produto.