Homenaxe á memoria viva da parroquia lalinense de Noceda

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A asociación Bolarqueiros quixo festexar unha década de vida cun agradecemento a 71 veciños nados no 1955 ou antes

04 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A parroquia de Noceda converteuse, xa fai anos, nunha das máis activas de Lalín. Detrás da realización de multitude de actividades, moitas delas referencia na contorna, está o incansable traballo da asociación Bolarqueiros que cumpre unha década e que onte quixo festexala cun homenaxe aos veciños que constituén a historia viva destas terras. Son, os nados do 1955 ou antes desa data, que suman, contaba o presidente da agrupación, Pablo Romeo Chorén, 71 veciños, entre os cales se atopa Sara Rodríguez Iglesias, de 102 anos.

A eles, en persoa aos que puideron ir, e os demais con entrega a domicilio, se lles deu un detalliño, unha figuriña conmemorativa cunha placa en recordo deste día e da súa contribución á parroquia. «Son eles, di Romeo, os que sempre están pendentes de se vai a haber tal o cal cousa, que nos trasladan as necesidades da parroquia, os que preguntan e os que colaboran en todo». Da creación da asociación «nunha parroquia onde ata entón non había precedentes de asociacionismo», Romeo, salienta que conseguiu «a unión de todos os veciños». Nestes dez anos, Bolarqueiros recuperou «todas as festas de Noceda» que agora se celebran de xeito comunitario. Precisamente este acto de aniversario coincide coa da Santa Cruz que tivo onte a súa primeira verbena. Hoxe ás 12.30 horas tocará a Banda de Vilatuxe, haberá misa solemne ás 13.00 horas, procesión ata a Cruz, onde os nenos lerán poemas para acabar cun concerto da banda.

Onte no acto de homenaxe, que contou coa presenza do alcalde, José Crespo, o coordinador de CxL, Rafael Cuíña e a concelleira Karen Fernández, actuaron os membros do grupo Bolarqueira. Del forman parte 20 persoas de todas as idades, dende maiores ata nenos unindo a varias xeracións. A agrupación naceu logo de cursos de canto e percusión.

Proba da actividade intensa que existe en Noceda é que o centro social está case sempre ocupado mentres que no 2015 estaba practicamente inactivo. Romeo destaca iniciativas como o Noceda Rock, que xa é un clásico na contorna, a celebración do Entroido «que antes non se festexaba», o magosto, as festas de agosto e a recuperación dunha cea veciñal que antes era a do Emigrante e pasou a ser un encontro de Nadal. Grazas a labor de Bolarqueiros, en Noceda bulen as actividades culturais, e o mesmo hai clases de Pilates, que de ximnasia, de poda, baile, micoloxía, campamentos de verán e un sen fin de iniciativas.

Neste tempo convertéronse nunha das agrupacións máis activas do concello, senón a que máis. Romeo salienta que «o obxectivo era dinamizar á parroquia» e o éxito, di, «é un conxunto de varias cousas: da colabora coas Administracións que aportan fondos, e a axuda de todos os veciños, dos socios e de moita xente que colabora para que isto sexa posible».