O IES Ramón Aller organiza o primeiro Correlalín o venres, de carácter lúdico e deportivo

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

10 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O instituto Ramón María Aller organiza o vindeiro venres, día 16, a celebración do primeiro Correlalín. Trátase dunha actividade de carácter lúdico e deportivo que ten como principais obxectivos promover o deporte, fomentar o uso da lingua galega e, en certa medida, despedir o curso académico. Será tamén unha xornada de convivencia cos centros educativos do municipio lalinense. Haberá unha carreira e un concurso de manifestos a prol da lingua.

A participación nesta iniciativa está aberta a todos os centros educativos lalinense. O Correlalín percorrerá as rúas próximas á casa consistorial e os inscritos estarán agrupados en categorías. Haberá lectura de manifestos a prol do galego elaborados polos distintos centros. Nesta primeira edición estarán os colexios Manuel Rivero, Xesús Golmar e Vicente Arias de la Maza de Vilatuxe, así como a escola unitaria de Donramiro e os institutos Laxeiro e Ramón María Aller, este último a cargo da organización coa colaboración de Gadis, Jim Sports e o Concello de Lalín.

Nun principio está prevista a participación duns seiscentos alumnos, a partires dos tres anos e ata Bacharelato. O programa do día 16 comezará ás 10.45 co acto de benvida de Primaria, lectura de manifestos e carreiras para os alumnos ás 11.10 e 11.20, para despois entregar os premios. A continuación será a mesma dinámica para Secundaria, con benvida, manifestos e carreiras, ás 12.15 para primeiro de ESO; ás 12.30 para segundo; ás 12.45 para terceiro; ás 13.00 para cuarto; e ás 13.15 para Bacharelato e profesorado. Durante toda a xornada haberá xogos populares e tradicionais.