
Cristian Crespo sacou o BAC con 28 anos en Lalín, traballando e estudando. Confesa que foi moi duro pero quere seguir e opositar a un posto nas forzas de seguridade
17 may 2025 . Actualizado a las 13:50 h.Cristian Crespo Méndez, de Antas de Ulla, acaba de obter con 28 anos o título de Bacharelato no IES Laxeiro de Lalín. Si xa de por si non é doado estudar e traballar ao mesmo tempo, Cristian conseguiu sacar o título con matrícula de honra cun 9,11 de media en segundo. Foron dous anos «moi duros». Conta que «o primeiro ano traballaba de 6.00 a 14.00 horas. Levantábame ás 5.00 e non chegaba a casa ata ás 23.30 horas». Ás horas de traballo sumaba cada día as de clase e tamén os viaxes diarios entre Antas e Lalín «que son uns poucos quilómetros», en concreto algo máis de 26 de ida e outros tantos de volta. Recoñece que «con 18 anos non me plantexaba estudar, tiña ganas de traballar. Pero co paso do tempo vaste dando conta do valor que teñen os estudos». Por iso e coa convicción de que «son necesarios para avanzar na vida» apuntouse ao BAC de adultos.
«Non foi doado. Cando empecei, nas primeiras semanas parecíame imposible chegar a ser capaz de acabalo e de coller o hábito de estudo», explica. Pasaran moitos anos sen coller un libro e «custoume moito». Confesa que nestes dous anos «tiven moitos momentos de baixón, de non verme capaz e de querer deixalo». Se non o fixo foi tamén, comenta, grazas aos apoios que tivo. «O apoio da miña parella que me empurrou moito e tamén o de moitos profesores que fixeron moito por min», explica. Cristian conta que «se me dis fai dous anos que ía a sacar o BAC e por riba con matrícula de honra non o crería nin o vería posible».
Pero si foi posible grazas ao seu esforzo e dedicación. Estes dous derradeiros anos traballou no Pazo de Vilane. O primeiro «no almacén e o segundo facendo unha substitución dun compañeiro co camión». Este segundo ano entraba ás 7.00 e saía ás 15.00 horas. «Nos descansos que tiñamos ao ir co camión, sacaba os apuntes, que levaba comigo, e aproveitaba eses ratiños para estudar». Está convencido que todo ese esforzo «mereceu moito a pena».
Aparte do título e unha gran satisfacción persoal por haber conseguido rematar con matrícula de honra lévase do seu paso polo instituto lalinense «a xente que coñecín, xente moi boa, tanto profesores incribles como rapaces de 18 anos nos que me vía reflexado cando eu tiña a súa idade e os que tratei de axudar» para incentivalos e que descubrirán o valor de formarse.
Agora, xa co título na man, ten moi claro que «vou seguir estudando e explorando as opcións que me da o Bacharelato».
De momento, explica, acaba de deixar o traballo e pensa en opositar en busca dun traballo que lle aporte máis estabilidade e unha praza fixa. Unha das opcións que ten en mente é opositar a algún corpo das forzas de seguridade como podería ser a Policía Nacional ou a Garda Civil porque é un traballo que «sempre me gustou e me chamou a atención» e os que poderá optar agora que rematou o BAC.
Está convencido de que «na vida hai que seguir formándose continuamente» para ir avanzando e poder ir medrando e ascendendo. Hoxe, os seus compañeiros do BAC diúrno do IES Laxeiro celebran a súa graduación, pero os de adultos prefiren facer algo pola súa conta. Cristian apunta que «nos dixeron que había o acto, pero temos xa outra idade e preferimos algo máis informal. Seguramente faremos unha cena entre nos e con algúns profesores para celebralo un pouco pola nosa conta». Agora que se vai, confesa que «vou a botar de menos o instituto».