
Representantes das directivas falarán do traballo nos seus centros
07 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Círculo de Recreo-Casino de Lalín será o anfitrión da Romaría da Federación de Círculos e Casinos Culturais de Galicia, que terá lugar maná, cunha xuntanza de socios das diferentes entidades galegas participantes; que incluirá visitas guiadas e xantar. Trátase da segunda vez na que o casino lalinense acollerá unha reunión desta índole, cun primeiro encontro realizado dez anos atrás estando na presidencia do centro lalinense Antonio Beloso, segundo lembra o actual presidente Alberto Granja.
Preto de cincuenta socios dos casinos da Coruña, Ferrol, Padrón, Betanzos, Lugo, Ourense, Ribadavia, Escairón, Vigo, Pontevedra, A Estrada, Porriño, Vilagarcía e Areas desprazaranse ata a capital comarcal para tomar parte nunha romaría anual, que vai rotando polas distintas vilas e cidades, e que leva celebrándose uns trinta anos. Un encontro que servirá para que representantes das directivas dos círculos de recreo de Galicia que están federados manteñan tamén unha reunión para avaliar o funcionamento dos seus respectivos centros. «Casinos federados podemos ser unha vintena, pero en funcionamento están ao mellor uns corenta, e as nosas problemáticas son diferentes. Non é o mesmo o Casino de Lalín con 120 socios e un edificio relativamente pequeno, a unha sociedade como é a de Lugo que conta co edificio máis grande e emblemático e cun mantemento que obriga a ter xente contratada todos os meses», relata Granja.
Deixar atrás o pasado
O que é común a todas estas entidades, engade o presidente do casino lalinense, é o seu pasado; «moi estigmatizado xa que eran os señoritos do pobo os que se reunían alí, pero iso xa pasou e hoxe a entrada é libre e non se mira se eres ou non dos importantes do pobo. É un patrimonio que se mantén dende 1848, e demostramos que somos uns programadores culturais de primeira orde dentro do que se fai en Lalín. É para todos, aínda que hai xente do sector cultural que aínda non o entendeu, pero nos pobos son necesarias zonas libres para poder facer actividades en pequenos formatos e nós estamos ofrecéndoas», puntualiza Granja.
A romaría comezará cunha recepción dos participantes no casino lalinense, para dar paso a unha visita guiada polo pobo; con percorrido polo Museo Ramón María Aller e ao observatorio, e despois do xantar nun establecemento local, haberá outra visita guiada ao Pazo de Liñares.
O presidente do Círculo de Recreo-Casino de Lalín agradeceu a boa disponibilidade atopada no concello para a organización desta romaría, «especialmente á xente do museo, que está pechado o domingo, e que nos abrirán as portas para a visita, a Xosé Manuel Ogando que tamén abrirá o Pazo de Liñares para os socios dos casinos que se desprazarán a Lalín, e a Daniel González Alén que será o encargado de facer un percorrido guiado pola vila».