Cuíña denuncia a «carga impositiva intolerable» posta en marcha polo goberno local

La Voz LALÍN / LA VOZ

LALÍN

18 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No ecuador da actual lexislatura na que o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL) Rafael Cuíña apostou por facer unha oposición construtiva, non obvia que «hai cousas moi mellorables comezando pola carga impositiva que é intolerable, con impostos que teñen que volver ao mínimo legal que é a letanía do PP a nivel nacional», comentou onte na entrevista quincenal en Radio Voz. No que se mostrou satisfeito é en participar no deseño da Axenda Urbana de Lalín, «o futuro do pobo para as próximas décadas».

Os dez anos da chegada á alcaldía de Cuíña Aparicio no pasado mes de maio, «unha xornada que queda para a memoria e de moito orgullo», ocupou tamén a conversa radiofónica destacando o político lalinense que foi un dos mellores días da súa vida política, con catro anos de máis acertos que erros, según comentou. «A inmadurez puido causar algún erro, pero na balanza están máis os positivos como unha política de proximidade e económica, aínda que algún enfrontamento puido evitarse para non contribuír a enrarecer a vida política en Lalín». Así, ao fío do artigo de José Crespo sobre os dous anos de goberno publicado recentemente neste xornal, aludiu a que non o criticou pero que puido ser máis xeneroso ofertando o sei produto «pero non centrarse nun 80 % do escrito en criticar á oposición xa que iso axuda a enrarecer o ambiente político». Cuíña asegurou que está noutra fase política, e cando a deixe, quere mirarlle á cara «á oposición, ao goberno e aos veciños de Lalín».

Por outra parte Cuíña esixiu que se remate a 4.ª fase do polígono Lalín 2000 que leva máis dunha década de retraso, «e é cando menos curioso que se fale da 5.ª fase, pero que se sigan perdendo oportunidades empresariais en Lalín».