Cuíña solicita do goberno a execución das mocións de CxL, e non só aprobalas en pleno
LALÍN
Haberá que agardar á primeira quincena do mes de setembro para asistir ao pleno do debate sobre a situación do Concello de Lalín, segundo avanzou onte en Radio Voz o coordinador de Compromiso por Lalín (CxL), ao producirse un achegamento de posturas entre os voceiros das distintas formacións políticas. Será despois do período estival, co comezo dunha nova tempada política, aínda que para o político lalinense esa etapa sitúase no momento en que se aproba o orzamento do concello. Unha nova andaina na que Cuíña confía manter o consenso e achegamento ao goberno, «que aprobou o 90 % das mocións de Compromiso, pero o 80 % non se cumpriron. A táctica do goberno de sorrir e dar un si está ben, pero despois... O que me obsesiona e pedín como é o arranxo da capela de Santa Lucía (Bendoiro), que se aprobou en pleno, ou as becas para estudantes seguen sen executarse, e tamén estou preocupado pola situación económica do concello con 10 millóns de euros debéndose e cando nós deixamos unha débeda cero».
Un período vacacional que o xefe da oposición non aproveitará, dixo, para reflexionar sobre o seu futuro político do que tanto se vén especulando ao longo dos últimos meses ao producirse unha relación de consenso co PP, especialmente co alcalde Crespo. «Reflexiono en bucle as 24 horas e os 365 días do ano. A día de hoxe -por onte- teño claro o meu futuro político nun 99,99 %, pero tocará dicilo cando corresponda e no sitio que corresponda. Tampouco quero pechar portas», comentou.
Solicitar da Sareb unha actuación urxente para atallar o conflito
«A Sareb foi intolerable coa xente deste pobo que intentaba crear riqueza, e agora parece que hai que pasarllo todo», reflexionaba Cuíña sobre a situación na zona de Álvaro Cunqueiro trala ocupación dun edificio da Sareb, con fonda preocupación para a veciñanza polos altercados que alí se suceden. O coordinador de CxL pediu accións contundentes para rematar coa situación, antes de que poida derivar en algo máis preocupante. «Calquera día pode saltar a chispa para que algunhas persoas reaccionen aproveitando a ocasión para facer o que non se debe. Non quero un caldo de cultivo semellante aquí».