Ana Guerra: «É unha oportunidade para adquirir experiencia para o mundo laboral»
LALÍN

Está ao fronte do programa Mentoring da AED, onde doce mozos de Deza realizarán unha estadía de tres meses de prácticas en empresas
19 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O programa Xuventude Mentoring na Empresa, impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, que encara a súa sétima edición acolleu ata a data a participación de 1.500 mozos e mozas, que accederon a unha oportunidade que lles posibilitou traballar con mentores que os asesoraron, á vez que puideron levar a cabo actividades formativas, asistir a eventos e visitar empresas, según significou Xuventude. Nesta sétima edición, que está agora mesmo en pleno desenvolvemento e no que participa a Asociación de Empresarios de Deza, conta cunha inscrición total de 207 persoas, e grazas a este programa acadouse unha inserción laboral estimada nun 50, 3 % de media das persoas participantes, sendo un 60 % na pasada edición. Un programa que na Asociación de Empresarios de Deza (AED) está sendo titorizado por Ana Guerra Expósito (Monterroso, Lugo).
—A que sector poboacional vai dirixido este programa?
—Este programa vai dirixido a doce persoas maiores de 18 anos e menores de 30, que estiveran inscritas en Garantía Xuvenil e que levaran polo menos un ano vivindo en Galicia. O programa Xuventude Mentoring na Empresa, está impulsado pola Dirección Xeral de Xuventude da Xunta de Galicia, e comezou coa captación dos participantes no pasado mes de xuño, rematando o prazo para anotarse o 11 deste mes de xullo. O seu obxectivo é emparellar a eses mozos e mozas participantes con empresas nas que realizar unha estadía nun período en prácticas, que terá 3 meses de duración, para mellorar as súas competencias e así favorecer a súa empregabilidade.
—Cando está previsto iniciar oficialmente os contidos do Xuventude Mentoring?
—Unha vez que xa seleccionamos aos mozos e mozas que van tomar parte no mesmo, agora estamos á espera de que a Dirección Xeral de Xuventude verifique que todos e cada un deles cumpre cos requisitos de acceso que se esixían e, logo diso, xa nos comunicarán a autorización para comezar coas estadías dos doce participantes.
—Agardando pois polo visto bo que ten que outorgar a Dirección Xeral de Xuventude para arrincar, e na AED, en que fase están?
—Actualmente desde a Asociación de Empresarios de Deza estamos na procura de entidades e empresas da Comarca de Deza que necesiten persoal e que queiran acoller a estes mozos e mozas en prácticas. O labor que estamos a realizar dende a asociación é atopar para cada candidato a empresa que mellor lle encaixe, ben pola súa formación previa, polas súas habilidades ou polas súas necesidades persoais. Para nós o importante é que a persoa se sinta cómoda no traballo e vaia contento a traballar, ao igual que nos gustaría que as empresas que participen no programa se lles acoplase ben a persoa seleccionada para unha posible continuidade laboral. É dicir que despois do período de prácticas establecido, as persoas que foron seleccionadas para ir a unha determinada empresa puidesen continuar traballando na mesma.
—A ducia de participantes que mencionaba, de que zonas proceden fundamentalmente?
—Os participantes son de concellos da Comarca de Deza. Contamos con persoas procedentes dos concellos de Dozón, Lalín, Vila de Cruces e Silleda.
—Os perfís son moi diferentes uns doutros?
—Podemos dicir que son diversos, pero todos teñen algo en común, que son as gañas de comezar a traballar. Trátase dunha oportunidade moi boa para adquirir experiencia, e no caso de non poder continuar na empresa, van adquirir habilidades moi interesantes para o mundo laboral.
«Os sectores con máis demanda de operarios son o do metal, téxtil e agroalimentario»
Á par que se facía a selección das persoas que agora participarán no programa Xuventude Mentoring, era preciso dar coas empresas interesadas en acollelas no período de prácticas. E non foron poucas as que se amosaron dispostas a abrir as súas portas á formación: un total de dezaseis. «Son empresas da zona de Lalín, Silleda, Vila de Cruces e Agolada as que nos fixeron solicitudes con posibles postos que cubrir cos participantes neste programa. Os sectores con máis demanda de operarios son o agroalimentario, téxtil, metal, TIC,... e os máis pedidos son en fabricación, oficina e almacén», explica Ana Guerra. Firmas que están poñendo todo da súa parte, adaptando o traballo ás necesidades dos candidatos, así como para ofrecerlles transporte para trasladarse ao posto de traballo, no caso de que o participante non dispoña de permiso de conducir, subliña a titora do programa. «Para as empresas resulta unha iniciativa moi interesante porque permítelles incorporar talento mozo, suplir o relevo xeracional en moitas delas e analizar se a persoa lle é válida para continuar na empresa, sen custe para a mesma», engade.
Un programa ben acollido polas persoas mozas ao estar financiado pola Xunta cunha remuneración durante os tres meses que dure; a maiores de mellorar as súas competencias laborais, pero tamén para as empresas que formarán traballadores á medida das súas necesidades. Posteriormente, na segunda fase, os participantes traballarán de luns a xoves nas empresas a xornada completa e os venres acudirán á asociación a xornadas formativas que lles axudarán a desenvolver habilidades comunicativas e poñer en práctica a intelixencia emocional no ámbito laboral; competencias que son claves para expresar novas ideas.