Un cento de persoas no Roteiro das Estrelas de Lalín

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Manolo Seijas

Un percorrido guiado por Bermés e as pegadas do Matemático

27 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Un cento de persoas participaron a noite do venres no Roteiro das Estrelas organizado en Lalín polo Concello. A expedición estivo guiada polo director científico de Lalín Starlight, José Ángel Docobo, xunto coa autora da tese sobre o Matemático Rodríguez, Carmen Villanueva; o cronista oficial de Lalín Daniel González Alén, e os investigadores Luca Piccotti, Nerea Puime, Eva Seijas, Ángel Costas e David Area.

Entre os asistentes estaba tamén o alcalde de Lalín, José Crespo; o concelleiro Miguel Medela; Manuel Guerreiro (experto en aeronáutica e membro da Comisión Loriga); o fotoxornalista Manolo Seixas; así como representantes das comunidade de montes de Bermés, veciños e xente chegada de distintas partes de Galicia. O Concello tivo que ampliar a dous os autobuses que fletou ata Bermés, Daniel González explicou que a visita comezou en Fonte Castiñeiroa, «lugar onde a tradición oral refire que o Matemático Rodríguez sinalou o centro xeográfico de Galicia». De seguido, engade, «os participantes achegáronse a casa natal do Matemático José Rodríguez en Bermés do Fondo, que a súa propietaria María del Carmen Vázquez, se encargou de ter aberta aos visitantes e a cuxa porta a profesora e biógrafa de Rodríguez, Carmen Villanueva, fixo un resumo da vida e obra do erudito lalinense». Continuou a ruta polo campo da festa onde se atopa o busto do matemático e González Alén relatou algúns detalles sobre o científico seguindo, xa de noite, ara a igrexa onde Rodríguez fora bautizado. O roteiro, apunta González Alén, rematou nunha encrucillada de camiños próxima á igrexa para observar o ceo de verán con comentarios de Docobo e Nerea Puime, do Observatorio Ramón Aller de Santiago.