Obras dunha trintena de artistas toman as rúas da vila esta semana
01 sep 2025 . Actualizado a las 20:46 h.As principais rúas de Lalín convertéronse dende onte nunha sorte de galería de arte ao aire libre onde poder contemplar máis de 60 obras dunha trintena de artistas. Unha iniciativa organizada pola asociación cultural O Naranxo como preludio da Algarabía, que busca achegar o mundo artístico aos veciños da localidade, así coma fomentar actividades socioculturais entre os máis novos e poñer en valor a importancia da comarca de Deza no eido das artes plásticas.
O xoves pasado comezou a montaxe da decoración no corazón da vila, ornamentándoa con adornos, bandeiríns e cincocentos globos de cores. Logo chegou a instalación dos diferentes traballos ao longo das rúas Loriga, Principal e a Praza da Torre. O esforzo dos organizadores tivo recompensa, deixando unha fermosa estampa salpicando coas súas obras de arte o corazón de Lalín.
Pasear pola capital dezá nunca foi tan estimulante, podendo gozar do maxín de Olalla Garra, Ascisclo Manzano, Paío, Julia Ferradás, Maruxiña Ferradás, Armindo Salgueiro, Aitana Iglesias, Carlos Santos, Nicolás G. Aller, José Luis Abeledo Bibí, Lucía Ferradás, Carlos Gimeno, Berta García, Max Medina, Olalla Framiñán, Álex Dávila, DJ Antóan Carmen Payo, Juanjo Sarandeses, Noelia A Ferreira, Mar García, Noa Blanco, Inés Benito Pérez e A Lúa Blai de Tortosa. Tamén achegan ao público traballos de artistas «do trasmundo» coma Laxeiro, Vidal Payo, Wily, Manolo Moldes, Paco Pestana, Eduardo Meijomence e Luis Areán.
En semellante selección de artistas hai estilos para todos os públicos, dende a arte plástica ata a conceptual, como unha chiscadela á peza do italiano Maurizio Cattelan cun plátano dentro dun calzón sobre unha cadeira —se cadra aquí a intención do autor foi más explícita e non tan rebuscada—; un sombreiro pousado sobre un libro de pintura que evoca ao bombín de René Magritte; ou unha cama estendida no medio da Loriga sobre o duro formigón, sen dúbida a máis chamou a atención.
A mostra de arte na rúa mesturarase coa Algarabía dende o venres nunha gran festa cultural que rematará o vindeiro domingo 7 de setembro.