Rafael Cuíña bríndase a colaborar na elaboración do orzamento, con petición para baixar carga impositiva
LALÍN
O novo curso político para Compromiso por Lalín (CxL) será de continuidade e de colaboración co goberno local en asuntos de máxima transcendencia como é a elaboración do orzamento para o ano 2026 no que xa se está traballando, segundo anunciou a pasada semana en Radio Voz o alcalde José Crespo. Onte, no mesmo espazo radiofónico, o coordinador de CxL Rafael Cuíña dixo estar disposto a colaborar na redacción do documento que se pretende ter listo para finais de ano para que entre en vigor a primeiros de xaneiro, «pero tamén apelo á xenerosidade do goberno para que rebaixe a carga impositiva que está moi alta. Lembro que no ano 2019 cando deixamos o goberno cuadripartito os impostos estaban no mínimo legal. No debate das eleccións xa anunciei o que ía pasar, e aí están as consecuencias do que vota a xente».
Pediatra no CIS
O feito de que a praza de pediatría, que se ofertaba no CIS de Lalín para a quenda de tarde, quedase sen cubrir non sorprendeu ao xefe da oposición local. «Cónstame de que non queren vir a Lalín aínda que desprazarse dende Compostela non debería ser un factor determinante ao estarmos preto de calquera cidade e con descontos agora na AP-53, pero a Xunta ten que seguir traballando para que isto sexa posible. Non é ningún luxo contar con pediatra polas tardes senón que se necesita, os pais piden contar cun profesional polas tardes para atender aos seus fillos e se non damos servizos e temos problemas coa vivenda non imos asentar poboación».
A vaga de incendios do pasado agosto, e o anuncio do presidente Rueda de actuar sobre as faixas de protección nos concellos de menos de 10.000 habitantes, foi outro dos temas abordados. A ordenación do monte é, a xuízo de Cuíña, unha das accións a implementar nun contexto no que «co cambio climático parece que os incendios viñeron desgraciadamente para quedarse, e paréceme ben que o presidente diga que hai que limpar os terreos pero cada vez que arde non se pode falar de tomar medidas. Hai que actuar antes». Insistiu Cuíña na conveniencia de que os propietarios atendan aos requerementos que lles son remitidas para realizar desbroces, «e se as comunicacións non son atendidas e hai que multar, hai que facelo. De todos os xeito penso que chegamos tarde para ter un monte axeitado para que non sexa novamente pasto do lume».