éxome na obriga de mandar esta carta, porque se está cometendo un erro con motivo do meu pregón das festas.
O publicado polo Concello e os medios de comunicación foi o que eu lles mandei ás 11:40 horas do venres 19 da Virxe das Dores por email, e mandeilles o seguinte comentario «Mando o que teño ata o de agora, despois alí coa xente, o que a Virxe das Dores provea». Non recibiron ningún pregón máis. O pregón remateino ás 18:45 horas do venres 19.
Nese tempo, ata o pregón, fun parindo algunha cousa e sobre as 17:30 horas aínda consultei coas miñas asesoras feministas o parágrafo da homenaxe ás Amas de Casa pois nun principio eu poñía: «Por iso, dígolle aquí á xente gobernanta, porque hoxe goberna un partido pero dentro dun século igual goberna outro, que se poñan de acordo e lle dediquen unha rúa ou ergan un monumento ás Amas de Casa», e despois para que non houbese confusión e non se entendese como patriarcado, quedou: «Por iso, dígolle aquí á xente gobernanta, porque hoxe goberna un partido pero dentro dun século igual goberna outro, que se poñan de acordo e lle dediquen un día festeiro ás Amas de Casa».
Outro parágrafo que rematei a última hora foi o referente ao xenocidio de Gaza e o comentario de Altri, «Virxe das Dores que a leven para Portugal que van acabar con Galicia e coa feira do Cocido de Lalín».
Eu non sigo as redes sociais. As miñas redes son as de toda a vida, rúas, tabernas, parladoiros,…; e por eses medios do tempo dos trogloditas, souben que se estaba acusando sen razón ao Concello e aos medios de comunicación de censurar ou recortar o pregón.
Para chegar a entendementos entre opostos, non se pode crear tensión. Fíxeno no pregón, e sigo reafirmándome, todas e todos sodes do meu agrado.
Bicos e apertas.
Viva Lalín con razón ou sen ela, e se pode ser con razón mellor.