Cuíña abre o debate para cambiar un dos festivos ás datas do Cocido

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Cre excesivos cinco días de celebracións e propón levar un ao venres da feira

25 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Co pano das festas das Dores baixado, o coordinador de Compromiso por Lalín, Rafael Cuíña, abriu novamente o debate sobre os festivos locais, que se concentran no luns e martes, convidando a reflexionar ante un «modelo de festas que está caduco; con décadas nas que se contratan as mesmas orquestras e as mesmas bandas —as nosas que deben seguir— pero sempre os mesmos días,», como avanzou onte en Voces do Deza, en Radio Voz.

Para o político lalinense cinco días de festexos son excesivos, máis despois de «ver como o domingo pola noite, o luns e o martes había pouca sensación de festa no pobo». Entende que detrás diso pode existir «certo cansazo dun modelo ao que habería que darlle unha voltiña». Cuíña avanzou a súa proposta: facer festivo o venres antes da Feira do Cocido e manter o luns das Dores; «catro días en cada caso, axudando a potenciar tamén a nosa feira internacional, con actividades desde o xoves ata o domingo, e impulsar un punto de modernidade nos concertos das Dores coa recuperación tamén de iniciativas para a cativada, como se facía antes». Unha proposta que podería analizarse de cara ao ano 2027, avanzou Cuíña, ao estar aprobados xa os festivos locais do ano próximo, e que levará previsiblemente ao pleno ordinario do Concello de Lalín deste venres no turno de rogos e preguntas.

O calado do cambio de festivos locais, que afectaría a toda a veciñanza, podería tamén elevarse a unha consulta popular co gallo de coñecer a súa opinión, como fixo no seu día Silleda. A idea dunha posible participación dos lalinenses neste asunto non asusta a Rafael Cuíña senón que a aplaude, pero sempre que a súa posta en marcha non derive «nun elemento de división, e que exista un mínimo de participación na consulta para que sexa realista. Está claro que preguntarlle ao pobo nunca está de máis, e nesta cuestión tampouco».

Alcalde de novo, aínda que nesta ocasión na ficción

Rafael Cuíña será de novo alcalde de Lalín, pero na ficción, ao protagonizar dito papel na película «O pesadelo das vacas», que comezará a gravarse axiña no municipio. «Pedínronmo e estou encantado. Nun acto empresarial, en presenza de Rueda, xa lle dixen a Crespo que era un equilibrio xusto: eu alcalde na ficción e el na realidade», dixo. Avanzou que leu o guión, e que participarán de extras moitos lalinenses.

«A hostalaría pode pechar nas festas, pero a imaxe para o pobo non é a mellor»

O peche de numerosos locais de hostalaría nos cinco días das festas das Dores foi un dos asuntos sobre os que tamén incidiu Rafael Cuíña na entrevista radiofónica. Partindo da premisa de que os donos dos establecementos poden actuar como queiran, afirmou o coordinador de CxL, «a imaxe que se proxecta para o pobo non é a mellor».

No argumentario para non abrir nos festexos locais, as razóns esgrimidas polos responsables dos locais de hostalaría son moi variopintas, pero a máis reiterada pasa pola falta de rendibilidade. «Algún comentou que non ter unha actuación musical na zona fai que non lle resulte economicamente viable, e optou por pechar. Como veciño creo que non é a mellor idea», resaltou Cuíña.

Reixas de establecementos hostaleiros do centro urbano baixadas no mesmo día grande das festas que sorprendeu á veciñanza e visitantes, que mesmo se atoparon con dificultade para atopar un local aberto no que tomarse unha consumición. Un feito sobre o que Cuíña tamén convida a darlle unha pensada. «Son situacións que responden a algo, e ao mellor os hostaleiros tamén se teñen que implicar máis no asunto da recadación, e o intelixente será facer unha comisión mixta entre sector público e privado para facer as festas patronais». E á par do inicio das festas comezou tamén en moitos outros locais o tempo de vacacións.