Vaia por diante o respecto e admiración a calquera grupo de persoas que se poñen á fronte dunha organización das festas, para o desfrute dos demais, incluídas estas últimas, organizadas polo Concello.
Pensarán vostedes que con esta introdución, o corpo do artigo vai ser crítico coas festas patronais de Lalín. Non é así, é simplemente un intento propositivo de axudar a dinamizar un evento que nos une a todos, e que probablemente responde a un modelo caduco xa, necesitado dun impulso de modernidade.
Levamos lustros cun mesmo patrón para as festas, que di que son cinco días, e que as protagonistas en bucle teñen que ser as grandes orquestras e as bandas, todas co seu día asignado dende tempos dos nosos avós. Haberá tamén que di frases tan inmobilistas como «as festas sempre foron así, para que cambialas...». Ben, é evidente que existe unha certa fatiga que se ve reflectida en unha moito menos asistencia de persoas os luns e os martes, tamén nos propios eventos das grandes orquestras de Galicia.
Seguramente cinco días sexan un exceso, e iso provoque que haxa menos xente cara o final das festas, e queixas de veciños incapaces que conciliar o sono ao estar os seus fogares en puntos estratéxicos da festa. Ben é certo que en todas partes provoca molestias a uns e a outros, e que non é todo o ano, mais debemos buscar un equilibrio.
Quen lles escribe pensa que habería que dar un paso máis de potenciación do noso sinal de identidade, que é o cocido, e utilizar un dos festivos para que a nosa festa de interese internacional teña aínda máis importancia. Non contemplo o luns despois do cocido «para descansar», senón que a miña proposta vai na liña de ter o venres anterior feirado, e actividade xa dende o xoves pola noite. Grande actividade o venres, o sábado cunha programación ambiciosa, e o domingo o día grande, mentres as festas patronais, de venres a luns incluído, volvendo a un modelo no que os nenos sexan máis protagonistas, e subamos o nivel dos grupos de pop-rock que traemos, para deixar descansar a persoas cuxa traxectoria respectamos como La Guardia, que levan décadas contando «1.000 calles llevan hacia ti», precisamente nunha vila na que moitas non teñen nin nome.
Un impulso definitivo, e un modelo máis moderno que volva encher Lalín coma nos anos 80 e nos 90, e que ao mesmo tempo busque un equilibrio entre festa e descanso.
A min discutíronme a carpa do cocido, as rúas peonís, as feiras os domingos que coincide o 3 ou o 18, e ata o cocido do orgullo. É tan evidente que o tempo me deu a razón, que o goberno segue a facelo...
A posibilidade dunha consulta popular ao respecto debera estar democraticamente aberta, sempre e cando non sexa un motivo de confrontación social, ao que somos tan dados cando hai algunha posibilidade de cambio. Lalín pode e debe modernizar as súas festas patronais, e incidir en ir dotando de máis forza as fins de semana do Cocido, e iso podémolo facer con intelixencia e consenso entre todas e todos.
Ou non?.