Ardores gaña a batalla a Panorama e París de Noia no gusto do público

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

A charanga lalinense impúxose en votacións ás dúas orquestras nas Dores

01 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A Charanga Ardores foi a preferida dos que gozaron das festas patronais das Dores de Lalín, alomenos entre os que emitiron o seu voto na páxina de Facebook do programa Palco de Estrelas, de Valga, que comanda Daniel Seijas. A agrupación lalinense impúxose con 90 votos (28,5 %) ás grandes orquestras do momento como son París de Noia ou Panorama, que acadaron 68 e 43 puntos respectivamente, alzándose coa segunda e cuarta posición. América pola súa banda empatou a 68 puntos coa París, e a Cinema conseguiu 47 apoios, o que supón un terceiro posto na clasificación das mellores actuacións dos festexos.

Un meritorio primeiro posto que agradecía Pedro Vilariño Prieto, representante da charanga lalinense, pero sobre todo «polo recordo de ver ao público bailar e disfrutar da festa, e co agradecemento a toda a xente que confiou no noso traballo neste verán. Creo que gañamos polo noso repertorio de temas bailables, e proba delo é que a rúa enteira bailou o martes das festas das Dores, e foi marabilloso. A xente vai á festa para bailar».

Ardores, integrada na actualidade por 14 músicos, é unha das formacións que máis se escoitou este verán pola zona, pero tamén en localidades limítrofes, contabilizando ata un total de 50 actuacións. «No ano 2019 chegamos a facer 92 datas, pero decidimos centrarnos nas verbenas e deixar os pasarrúas de aí que baixase o número de saídas, pero estamos contentos». Asegura Pedro Vilariño que este foi un bo verán, aínda á espera de concluír catro citas que teñen marcadas para este mes de outubro: O Sisto (Dozón) o 4, Lousada (Carballedo) ao día seguinte, Barro (Pontevedra) o próximo 11 e Folladela en Melide o 12. Logo chegará o momento de descansar e desconectar. «A mediados de outubro, sobre a festividade do Pilar aproximadamente, remata a tempada e veñen dous meses para mandarnos de paseo uns aos outros xa que levamos moito tempo xuntos», comenta cun sorriso, para coller suficientes folgos de cara a retomar os ensaios que será coa entrada do novo ano.

Aínda co novo repertorio sen preparar a Charanga Ardores ten compromisos adquiridos para o ano que vén, e mesmo para 2027. A metade do verán do próximo ano xa está contratado, e algunha data do seguinte está reservada. «Agora mesmo temos pechadas unhas 20 ou 21 actuacións, sen contar aquelas festas que facemos habitualmente. Ir a Noceda é unha tradición! Levamos indo uns 8 anos, e aínda que non falou a comisión con nós, supoño que repetiremos, e outras xa nos deixan contratados dun ano para outro». Detrás de todo isto, afirma Vilariño Prieto, hai meses de traballo e de implicación dos integrantes do grupo, ao que se sumaron recentemente Arlette Martín e Aismel Veiga.

Unha charanga, con trazas de orquestra, que seguirá apostando por facer bailar ao público.