Lalín dedica á muller rural un primeiro encontro para visibilidade o seu valor

Rocío Perez Ramos
Rocío Ramos LALÍN / LA VOZ

LALÍN

Cedida

Está organizado polo colectivo Piares e contará con Carmen Rodríguez, Mónica Landeira e as influencers Nuska Chousa e Laura Vallejo o día 19

05 oct 2025 . Actualizado a las 19:54 h.

María Eva González Brea, Eva Fuentes Senra, Elena Fernández López, Raquel González González e Patricia Pájaro Lamas son de distintas parroquias de Lalín e forman o colectivo Piares. O día 19 celebran la capital dezá o que será o I Encontro adicado á muller rural que nace co obxectivo de visibilizar o papel esencial que desenrolan no territorio. A xornada terá lugar o domingo día 19 no vestíbulo do Concello de Lalín a partir das 12.00 horas.

Ábrese con faladoiro que contará coa participación de mulleres referentes no eido rural, ao que seguirá a entrega de recoñecementos ás participantes para rematar cun xantar no Lalín Arena e unha actuación musical como peche desta celebración.

O encontro, que ten vocación de continuidade anual, nace, explica Eva González Brea, «como recoñecemento á forza, á intelixencia e á capacidade transformadora das mulleres que viven e traballan no rural e, que son, sen dúbida, columna vertebral da nosa sociedade. «Mulleres que manteñen vivo o territorio, que emprenden, que coidan, que innovan e que lideran o desenvolvemento das nosas comunidades, a maioría das veces, en silencio», engade.

Nesta primeira edición o encontro contará coa presenza de María Jesús Vilanova, de Viveiros Agra e premio Maruja Gutiérrez este ano por máis de 30 anos de compromiso co medio rural. Lle acompañan: Esther Fernández, rexente de Cárnicas Anzo, un negocio que naceu no rural, na parroquia do mesmo nome; Beatriz Rodríguez, de Aer Farm, Premio Maruja Gutiérrez este ano na categoría de Xove Empresaria e Teresa Mouriño, da gandería Sampaio de Soutullo, en Anseán. Estará tamén Carmen Rodríguez, presidenta de Agaca (Asociación Galega de Cooperativas Agrarias) e vicepresidenta de CLUN (Cooperativas Lácteas Unidas) xunto con Mónica Landeira, vicepresidenta de Mulleres de Seu.

O encontro contará tamén coas influencers Nuska Chousa e Laura Vallejo que están a revolucionar as redes. Nuska dando visibilidade ás distintas tradicións galegas, dando, sobre todo, consellos sobre horta e conta con máis de 250.000 seguidores. Laura, motoserrista e operaria forestal divulga o seu traballo no monte e conta con preto de 130.000 seguidores. Tanto Nuska Cousa como Laura Vallejo encargaranse, dende as redes, de guiar o faladoiro no que as emprendedoras invitadas darán a coñecer a súa historia. Os actos serán presentados por Amelia Ferreiroa de Radio Voz.

No marco da celebración é o Día Internacional da muller Rural que servirá, apunta Eva González, «poñer en valor o papel feminino tanto nas explotacións agrogandeiras como en cooperativas e en empresas, que sempre foi esencial no medio rural do noso concello e da nosa comarca e que o segue sendo hoxe en día, aínda que moitas veces se realice dende a invisibilidade, de modo que celebracións como esta teñen o obxectivo de darlle o recoñecemento social que se merecen»

Abertas ás inscripcións para un xantar no Arena

Ás 14.00 horas dese día está prevista a celebración dun xantar de confraternidade no Lalín Arena, como espazo de encontro, festa e convivencia. O menú está composto por empanada, merluza rechea, xarrete estofado, sobremesas variadas e bebidas, ten un prezo de 30 euros para os adultos e 15 euros para os nenos de ata 12 anos. As entradas débense adquirir por anticipado chamando aos números: 677 212 306 ou 660 396 771. Tras o xantar, no Lalín Arena, a celebración estará amenizada coa actuación do grupo de acordeóns Os Lóstregos de A Estrada.