Laura Vallejo: «Non atopei unha empresa forestal que me dese unha oportunidade»

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

LALÍN

cedida

Estará mañá en Lalín, no faladoiro do primeiro Encontro adicado á Muller Rural

18 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Nada en Cabana, unha pequena aldea do Concello de Meira (Lugo), Laura Vallejo deixou os fogóns para centrarse no aproveitamento forestal. Converteuse na primeira muller operadora forestal da provincia de Lugo, e os seus traballos no monte son agardados por miles de seguidores espallados por todo o mundo. Mañá é unha das participantes no faladoiro do primeiro Encontro adicado á Muller Rural, que organiza o Colectivo Piares de Lalín, e que comezará ás 12 no vestíbulo do concello, e que reunirá a mulleres lalinenses e de distintos puntos da xeografía galega. Haberá un faladoiro que reunirá a Carmen Rodríguez (presidenta de Agaca), Mónica Landeira (vicepresidenta de Mulleres de Seu), María Jesús Vilanova (Viveiros Agra), Esther Fernández (Cárnicas Anzo), Beatriz Rodríguez (Aer Farm), Teresa Mouriño (Ganadería Sampaio), e a tamén divulgadora de contidos da Rías Baixas, Nuska Chousa. Posteriormente celebrarase un xantar no Lalín Arena ao que asistirán unhas 300 persoas.

—De traballar en restaurantes a motoserrista. Certo que o cambio é abismal?

—Estudiei unha FP de cociña e gastronomía, e ao rematala botei catro anos traballando en importantes restaurantes de Lugo. A casualidade fixo que me anotase a cursos de manexo de máquinas forestais, e resulta que para superar o curso era necesario manexar a motoserra. Pensei que non era capaz de facelo, pero grazas a un profesor que me empurrou moito a que fixese as probas como o resto dos meus compañeiros estou aquí, e mira ata onde cheguei (ri).

—En ningún momento pensou entón en ser motoserrista.

—Non. Nunca pensei en facer isto. Non é unha profesión que inculquen nas escolas, e tampouco nos institutos. O traballo forestal é un gran descoñecido, mesmo para a propia xente do rural.

—Unha profesión moi masculinizada, sen dúbida, que lle xerou algún problema ao longo destes anos?

—Gustaríame dicir que todo me foi moi ben, pero mentiría. Non fun capaz de atopar unha oportunidade para empezar a miña traxectoria profesional en empresas do sector ata que despois, tamén por unha casualidade da vida, coñecín ao compañeiro que desde fai cinco anos estamos traballando xuntos como autónomos.

—E certamente que semella que non lles vai nada mal, malia ser unha profesión de gran risco.

—É un traballo de enorme risco. É o peor desta profesión, o gran risco que correr todos os días de ter un accidente, e neste caso ao manexar árbores; moitas de grandes dimensións e porte, cunhas consecuencias que sempre poden ser moi malas.

—Dicía que o traballo forestal é moi descoñecido en termos xerais, cal é o seu labor exactamente?

—A nosa función principal é obviamente tallar árbores acompañando unha procesadora forestal. Podemos xeneralizar as árbores de gran tamaño, ou as de maior complexidade, que se tallan a man e aprovéitanse de maneira en que as máquinas, procesadora forestal e autocargador, poidan ter o maior rendemento posible.

—Un día a día no monte que comezou a subir a redes. En que momento apostou por arrincar coa iniciativa, e pasar a ser unha das divulgadora de contidos galega con máis seguidores?

—Foi case da man da miña chegada ao sector. Empecei a compartir o meu día a día no monte para abrir ao mundo o mercado forestal que estaba totalmente alonxado das redes, tanto para que as marcas apostasen por esta nova maneira de márketing como tamén para dar a coñecer e poñer en valor o noso traballo.

—Cantos seguidores contabiliza na actualidade?

—Teño tres contas abertas (Instagram, Facebook e Tik Tok) nas que comparto contidos, e que son seguidas por máis de 450.000 persoas.

—Que tipo de contidos son os que vai subindo?

—Os meus contidos céntranse en achegar a realidade, tanto os bos momentos do traballo cotiá no monte como os problemas que van xurdindo, que tamén os hai. Os seguidores tamén poden coñecer as distintas novidades que aportan as marcas coas que traballamos. Falamos das innovacións que se van dando no mundo da produción forestal, e vou subindo o que é o día a día no monte.

«O saber das mulleres rurais é un patrimonio cultural incalculable»

Laura Vallejo móstrase encantada pola invitación recibida desde o Colectivo Piares de Lalín para tomar parte no primeiro Encontro dedicado á Muller Rural. Arguméntao por ser precisamente unha moza nada, criada no rural, e que segue apostando pola vida e traballo en contacto coa natureza. «O rural é un orgullo, sobre todo recoller os valores e tradicións que sempre lle vin facer á miña nai, con enorme agarimo e nun contexto de máis necesidades das que temos agora. O saber das mulleres rurais é un patrimonio cultural incalculable, e participar no encontro deste domingo faime ilusión polo dobre motivo de ser do rural e tamén coñecer a mulleres con experiencias e bagaxe».

Un encontro no que tanto Laura Vallejo como Nuska Chousa terán a oportunidade de interactuar coas participantes no faladoiro, pero tamén relatar aos asistentes as súas propias historias de vida, especialmente as relacionadas coas redes que as catapultaron a contar con miles de seguidores. No caso da motoserrista de Cabana, homes e mulleres de todo o mundo a seguen nas tres contas nas que vai subindo contidos; «desde o norte de Europa ata Sudamérica ou Estados Unidos. As redes son globais e podes chegar a calquera parte do mundo, ata sitios aos que nin imaxinabas». Asegura Laura que, o que máis lle gusta aos seus seguidores é coñecer o traballo forestal «que se fai nesta parte de España onde o sector se diferenza tanto polo procesado e aproveitamento do eucalipto, como tamén polo rápido crecemento das coníferas». Consciente de que as redes poder ter largo ou curto percorrido, comenta que sempre lle quedará marxe para «tomar o relevo na granxa de meus pais e compaxinar coa vida no monte». Polo de agora continúa sumando seguidores.